Laure: "En calquera momento os de abaixo apertarán e temos que estar lonxe de alí"
O lateral, que non xogaba en liga desde outubro e que superou dúas lesións musculares, di que a melloría hai que demostrala "con puntos".
Mentres o Dépor segue sumando aos poucos, os equipos do fondo da táboa non rematan de remontar, algo que para Laure non significa que a permanencia vaia ser barata esta tempada. Así o dixo en rolda de prensa esta mañá en Abegondo. O lateral deportivista, que volveu xogar en liga ante o Vilarreal tras non facelo desde outubro e superar dúas lesións musculares, cre que "estamos máis abaixo do que merecemos, pero o equipo foi de máis a menos e hai que referendalo con puntos".
Se non chegan os tantos na táboa, chegarán os apuros, vaticina Laure. "Pensar que vai ser unha permanencia barata pódenos facer dano, é importante marcar un obxectivo de puntos, non podemos guiarnos por sensacións que agora damos nós ou os contrarios. Seguramente os de baixo se reforcen e haxa un momento de inflexión. En calquera momento poden apertar, atopar puntos e nós temos que estar lonxe de alí", advertiu.
No plano persoal, o xogador madrileño asegura atoparse en forma e disposto a ter minutos: "Estiven lesionado, pero facendo moito traballo esperando este momento. É complicado sempre que non participas, pero o traballo á sombra merece a pena".
OLA JOHN ESTREA CAMISETA
Por outra banda, Ola John adestrouse esta mañá por primeira vez co grupo en Abegondo, no regreso aos adestramentos do primeiro equipo. Os titulares o pasado sábado ante o Vilarreal rebaixaron a intensidade do adestramento e realizaron exercicios de recuperación dirixidos polo preparador físico José Ángel Franganillo.
Carles Gil e Bruno Gama adestráronse co readaptador, Fran Molano; mentres que Borja Valle estivo cos fisioterapeutas, debido a unhas molestias no cuádriceps dereito, pendente de probas médicas.
Escribe o teu comentario