O PSOE da Coruña volverase recompoñer esta semana
Mar Barcón confirma que se nomeará un novo portavoz municipal e unha xestora para a agrupación local. Di que tiña prevista a súa dimisión desde facía tempo.
A que foi ata o venres secretaria xeral da Agrupación Socialista coruñesa, Mar Barcón, xustificou a súa decisión de renunciar a este cargo por entender que a súa presenza "empobrecía" o debate municipal, en alusión á situación do seu grupo e as negociacións coa Marea Atlántica.
Por outra banda, nunha entrevista á Radio Galega, recollida por Europa Press, confirmou que esta semana se nomeará o novo portavoz socialista no Concello herculino, tras a renuncia o xoves ao cargo por parte do concelleiro José Manuel Dapena.
Tamén precisou que se nomeará á xestora da agrupación local. Por outra banda, sinalou que a estabilidade no partido non se verá afectada, nin tampouco o traballo no Consistorio, onde, segundo expuxo, tanto ela como Dapena seguirán como concelleiros "pedindo un cambio de rumbo para a cidade", dixo en alusión á xestión da Marea Atlántica.
MOTIVOS DA DIMISIÓN
Sobre a súa dimisión, explicou que a tiña prevista desde facía tempo por entender que a súa continuidade estaba "empobreciendo" o debate municipal. "O importante non eran as cuestións de fondo, senón o que dicía ou facía a secretaria xeral", apuntou.
No programa 'Galicia por diante', recoñeceu tamén que fixo efectiva a súa renuncia este venres, despois de que Dapena fixese o mesmo o día anterior co seu cargo como portavoz do grupo municipal socialista, por discrepancias con este edil. Con todo, insistiu en que a súa intención era acabar presentando a dimisión.
Na entrevista, tamén considerou que o motivo destas discrepancias estivo na reunión privada que mantivo co alcalde herculino, Xulio Ferreiro, para tentar achegar posturas entre o PSOE e a Marea Atlántica, segundo expuxo.
CANDIDATURA DE PATXI LÓPEZ
Por outra banda, sobre o proceso de primarias do partido no ámbito estatal e, en concreto, sobre a candidatura de Patxi López para secretario xeral, destacou que se trata de "un militante moi querido e admirado no partido".
Con todo, a ata agora secretaria xeral da Agrupación Socialista coruñesa mostrou a súa confianza en que "non sexa o único compañeiro que se presente" a este proceso de primarias..
Escribe o teu comentario