Rouban dunha batea os berberechos que criaban para proxecto de investigación
Pertencían ao Centro de Investigacións Mariñas, que terá que volver comezar o estudo relacionado coa resistencia a un parasito.
A Consellería do Mar lamentou este mércores o roubo de varios lotes de berberecho producidos nas instalacións do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e que formaban parte dun proxecto de investigación relacionado coa resistencia ao parasito Marteilia Cochillia.
Os lotes roubados, ao redor de 1.000 individuos, estaban na fase final experimental de engorde nunha batea situada na ría de Arousa e a súa falta detectouse o martes, cando os técnicos do CIMA procedían a efectuar a mostraxe correspondente ao mes de decembro.
A consellería lamentou este suceso que "interrompe o desenvolvemento deste proxecto de investigación", o que supón "unha perda de información e de valor no ámbito da investigación relacionada coa resistencia" deste parasito e "ter que volver comezar coa fase de cultivo".
O proxecto de investigación empezou a desenvolverse a finais do ano 2014 e ten unha duración de 27 meses. O seu obxectivo é a posta a piques das técnicas de cultivo en criadeiro destas dúas especies de berberecho para, a curto ou medio prazo, poder iniciar programas de selección xenética contra a enfermidade causada polo parasito Marteilia Cochillia.
Escribe o teu comentario