Persoal do Chuvi convoca unha manifestación para pedir melloras en Atención Primaria
Será o día 11 de xaneiro ás 19.00 horas, e sairá desde o número 18 da rúa Teixugueiras ata o centro de saúde Navia.
A Xunta de Persoal da área sanitaria de Vigo, xunto coa asociación de veciños 'Novo Vigo' e a Plataforma SOS Sanidade Pública, convocaron unha manifestación para o 11 de xaneiro, ás 19.00 horas, desde o número 18 de rúa Teixugueiras ata o centro de saúde de Navia, co fin de reclamar que se dote adecuadamente de persoal este servizo, e para reclamar melloras na Atención Primaria da área.
Así, os convocantes esixen ao Sergas que se dote de máis persoal a este centro de saúde, con profesionais de familia, pediatría, enfermería, matronas, fisioterapeutas, auxiliares, persoal de servizos xerais e outras demandas. "Este centro ten unha importante lista de espera para cambiar de médico de familia e, polas características da súa poboación, necesita reforzar de forma importante a Pediatría", incide a Xunta de Persoal.
Por outra banda, reclaman crear un centro de Atención Primaria no anexo II do antigo Hospital Xeral que permita (ademais do traslado xa feito desde o de rúa Bolivia) redistribuír cartóns sanitarios dos servizos da Dobrada e rúa Cuba, e adscribir aos pacientes de San Roque e da contorna do Xeral.
Tamén piden que se dediquen os centros de especialidades pechados á Atención Primaria, para mellorar o espazo dispoñible na Dobrada e para desconxestionar os servizos de López Moura e Coia.
Escribe o teu comentario