Primeiro caso de variola do mono en Galicia confirmado nunha análise
O Sergas logra poñer en marcha un sistema de PCR que lle permitirá confirmar os casos sospeitosos que agora son remitidos a Madrid para a súa análise.
Hai que lembrar que a Organización Mundial da Saúde insiste que os brotes agora mesmo son controlables e que o risco para a saúde pública é baixo.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade recibiu a confirmación, por parte do Instituto de Saúde Carlos III, do primeiro caso positivo en Galicia das chamadas vexigas ou variaola do mono.
Segundo confirmaron fontes sanitarias, a persoa afectada é un home da área da Coruña-Cee, que permanece illado no seu domicilio. Saúde Pública xa se comunicou cos seus contactos estreitos e trasladou as recomendacións pertinentes.
Esta confirmación prodúcese despois de que Sanidade enviase ao Centro Nacional de Microbioloxía as mostras de dous novos posibles casos desta infección. En total, ascenden a 7 as persoas que presentaron un cadro compatible coas vexigas do mono.
As mesmas fontes sinalaron que, desde que se recibiu o pasado 17 de maio a alerta internacional sobre esta enfermidade, as autoridades sanitarias de Galicia permanecen "vixiantes" para identificar e confirmar (ou descartar) posibles casos.
Por outra banda, Sanidade tamén avanzou que, a partir da semana que vén, Galicia estará en disposición de realizar as probas PCR de confirmación diagnóstica deste virus.
Escribe o teu comentario