Sentida homenaxe ao vicerreitor da UVigo Manuel Ramos, falecido de forma repentina a pasada semana
Familiares e colegas asistiron ao acto en homenaxe de Ramos, moi querido na universidade olívica.
"Podería subliñar a súa extraordinaria calidade humana, a súa calidez, o imprescindible que se fixo para todos, a súa capacidade de traballo. Quen o coñeceu podería chamarme esaxerado, pero non, porque Manolo era alguén moi especial", di o reitor.
Homenaxe a Manuel Ramos | Foto: EP
Decenas de amigos e compañeiros asistiron este xoves á homenaxe do recentemente falecido vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado da Universidade de Vigo (UVigo), Manuel Ramos, onde destacaron a súa calidade humana e a súa capacidade de traballo.
A praza Eramo do campus vigués encheuse este mediodía para homenaxear ao docente, investigador e vicerreitor, falecido a semana pasada de forma repentina, na vícpera da celebración das eleccións na UVigo.
TRES DÉCADAS NA UVIGO
Ao acto acudiron, entre outros, o equipo de goberno en funcións, os reitores das universidades de Santiago de Compostela e da Coruña, así como membros da comunidade universitaria, que puxeron de manifesto o respecto e o agarimo que lle profesaron as persoas que o coñeceron, segundo recolle o Diario da Universidade de Vigo.
A súa viúva e os seus fillos tamén acudiron á homenaxe de Ramos, que desde a súa chegada á UVigo a principios da década de 1990 participou activamente en tarefas docentes, investigadoras, de xestión e sindicais.
"MANOLO ERA ALGUÉN MOI ESPECIAL"
Visiblemente emocionado, o reitor, Manuel Reigosa, reivindicou a figura de Ramos, definíndoo como un raio que pasou pola súa vida e que deixará a súa pegada "para sempre" tanto na institución como en todas as persoas que estiveron con el.
"Podería subliñar a súa extraordinaria calidade humana, a súa calidez, o imprescindible que se fixo para todos, a súa capacidade de traballo. Quen o coñeceu podería chamarme esaxerado, pero non, porque Manolo era alguén moi especial", indicou.
Escribe o teu comentario