O Eixo Atlántico presenta tamén en Portugal o seu Informe Socioeconómico, unha guía para as empresas
Como xa fixo hai unha semana en Santiago de Compostela, a entidade trasnfronteriza presentou o seu informe, esta vez no país luso.
A entidade espera elaborar un informe cada ano, onde se fará fincapé nalgún dos aspectos básicos das políticas e accións que contribúen a fortalecer a cooperación entre as diferentes institucións que integran o Eixo.
Presentación do informe do Eixo Atlántico | Foto: EP
O Eixo Atlántico presentou este luns en Portugal o seu primeiro Informe Socioeconómico, elaborado polo catedrático galego Fernando González Laxe e polo profesor luso Adriano Fidalgo de Sousa, que realiza unha análise da conxuntura económica, demográfica e do comportamento poboacional das cidades de Galicia e do norte de Portugal en 2021.
O acto de presentación, presidido pola presidenta do Eixo e alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, tivo lugar na sede da Asociación Empresarial de Portugal, e contou coa presenza do secretario xeral da entidade, Xoán Vázquez Mao, e o vicepresidente e alcalde de Braga, Ricardo Río.
UN ESTUDO DIAGNÓSTICO
O estudo reflicte un diagnóstico da situación actual neste territorio, co fin de ser un soporte de información para axudar na promoción desta zona e valorar as súas forzas e potencialidades. Ademais, permite tamén comparar os diferentes territorios da eurorrexión.
Así, ademais de información da conxuntura económica, estúdase a situación demográfica e o comportamento da poboación desde o punto de vista da economía familiar, as condicións de vida, as características das empresas, o mercado de traballo ou aspectos relacionados co turismo.
O organismo transfronteirizo prevé que se elabore un informe cada ano, no que se fará fincapé nalgún dos aspectos básicos das políticas e accións que contribúen a fortalecer a cooperación entre as diferentes institucións que integran o Eixo. Neste primeiro documento seleccionouse a análise da innovación e o desenvolvemento tecnolóxico de Galicia e do norte de Portugal, en relación aos seus respectivos Estados.
GAÑAR COMPETITIVIDADE
Segundo subliñou Lara Méndez, é o primeiro estudo que analiza de forma "rigorosa e exhaustiva" os grandes números que definen o estadio socioeconómico do territortio tras a pandemia. Como exemplo, subliñou a importancia de que a transición ecolóxica e sostible sexa "transversal" e está vinculada á xeración de economía en áreas como a nova industria verde, o turismo sostible, a transformación das cidades ou o coidado do patrimonio.
"Os cambios deben avanzar en sintonía e cun gran pacto social de todas as administracións, das universidades e coa maior implicación de todo o tecido produtivo e social", defendeu a presidenta do Eixo Atlántico, que tamén fixo referencia á necesidade de avanzar con maior rapidez na mellora das infraestruturas de comunicación (estradas, portos e ferrocarril) para "gañar competitividade".
Pola súa banda, Ricardo Río puxo en valor o "exercicio pioneiro" que supón o Informe Socioeconómico, que pode ser unha ferramenta válida de apoio á toma de decisións políticas. Así mesmo, recalcou que, segundo o estudo, a eurorrexión necesita dun impulso que mitigue as "asimetrías rexionais" e, entre outras cousas, combata o envellecemento da poboación.
Escribe o teu comentario