Estrella Galicia trata de abrirse paso tamén en Arabia Saudita, onde é ilegal a venda e consumo de alcol
A cervexeira progresa na súa expansión en busca de novos mercados a nivel global, participando na Exposición de Dubái como "cervexa oficial do Pavillón de España".
"A marca galega de cervexas comezou a súa comercialización en novos mercados como Qatar, Arabia Saudita ou Xordania a través de acordos con distribuidores locais". Nalgúns países do mundo árabe o alcol está terminantemente prohibido.
Foto: EP
Estrela Galicia reforzou a súa presenza na área de Oriente Medio nos últimos meses, "en gran medida pola visibilidade alcanzada como cervexa oficial do Pavillón de España en Expo Dubái, a exposición universal que acaba de pechar as súas portas o pasado 31 de marzo".
Nun comunicado, indica que a participación da compañía na mesma "permitiu reforzar a presenza da marca nesta zona xeográfica onde, ademais de Emiratos Árabes, con Dubái e Abu Dhabi como capitais de referencia, a marca galega de cervexas comezou a súa comercialización en novos mercados como Qatar, Arabia Saudita ou Xordania a través de acordos con distribuidores locais".
"Un bo exemplo de como a Exposición axudou á penetración da marca, en concreto en Emiratos Árabes, é a entrada de Estrela Galicia con toda a súa gama sen alcol nalgunhas das principais cadeas de alimentación locais, ademais de incorporar como clientes da súa cervexa con alcol a novos locais de restauración de relevancia tanto en Dubái como Abu Dhabi", explica.
O director de Estrela Galicia Internacional, Juan Paz, destacou que "esta exposición universal foi un escaparate de indubidable valor para as nosas marcas e a nosa compañía nun momento no que estamos a explorar novos mercados e retos a nivel internacional".
Escribe o teu comentario