O etanol é útil e seguro para paliar infeccións leves de covid en maiores, conclúe a Xunta
O IDIS de Santiago acolleu catro dos dez proxectos que a Xunta de Galicia cofinanciou na procura de aproveitar as experiencias e o coñecemento xerado pola crise sanitaria provocada polo coronavirus.
O Instituto de Investigación Clínica de Santiago de Compostela (IDIS), na foto, colaborou en catro proxectos de investigación sobre o coronavirus denominados Covidphy, Reutiliza, Neurocog-covid-19 e Alcovid-19
A terapia respiratoria con etanol, a administración de plasma hiperinmune ou os beneficios das estatinas son algunhas das investigacións fronte á covid-19 financiadas pola Xunta que tiveron resultados positivos para os pacientes.
Así o dixo este xoves o xerente da Axencia de Coñecemento en Saúde (Acis), Antonio Fernández-Campa, durante unha comparecencia parlamentaria para responder a unha pregunta formulada pola deputada popular Encarna Amigo en relación ao aproveitamento da actividade investigadora xerada e financiada por mor da covid-19 en Galicia, e, máis concretamente, ao programa Traslaciona covid-19.
Nesta convocatoria, á que se presentaron un total de 53 proxectos desenvolver por investigadores que desempeñan o seu labor no Sergas, resultaron seleccionados 10 programas vinculados ao desenvolvemento de terapias covid-19, análises das súas consecuencias clínicas ou á tecnoloxía de desinfección, entre outros.
O programa, financiado a través de mecenado social e de empresas, contou con case medio millón de euros para o desenvolvemento de catro programas vinculados ao ámbito da prevención da covid-19; catro proxectos relacionados coas áreas de diagnóstico, e outros dous referidos ao tratamento da enfermidade provocada polo coronavirus.
ETANOL PARA INFECCIÓNS LEVES
No referido a tratamentos, o programa Plasma-Gal demostrou os beneficios do tratamento con plasma hiperinmune, dado que ningunha das persoas do estudo que o recibiron tivo unha infección grave.
Pola súa banda, Alcovid demostrou que a administración de etanol por vía inhalada é unha terapia segura en pacientes maiores diagnosticados de infeccións leves por Sars-Cov-2, sen producirse reacción adversas.
Na área de diagnóstico, o programa Inmod procurou establecer un modelo de infección no que se concluíu que a excreción do virus Sars-Cov-2 en vías respiratorias pode prolongarse ata 12 semanas, que a inmunidade natural xa está presente ao mes tras a infección e que se mantén ata polo menos 3 meses. Pola súa banda, o proxecto Neurocog-Covid permitiu determinar a incidencia das alteracións cognitivas en pacientes recuperados da enfermidade, así como o seu perfil neuropsicolóxico a medio prazo.
No caso de Mitocovid, a investigación identificou diferentes marcadores xenéticos mitocondriales que permiten prever os riscos de contaxio e a severidade da enfermidade, mentres que Genets realizou clínicos controlados con estatinas na expresión do xene MYD 88 para explorar a súa eficacia como tratamento na covid19. Así, tras facer unha comparativa da supervivencia dos pacientes con e sen tratamentos de estatinas, o estudo mostrou unha asociación significativa entre o tratamento previo con estatinas e unha menor mortalidade, explicou Fernández-Campa.
VARIANTES COVID EN GALICIA
Finalmente, no ámbito dos proxectos de prevención, o programa Epicovigal desenvolveu unha plataforma de menitoreo xenómico en tempo real do virus, o que permitiu identificar as liñaxes predominantes e estimar a orixe de novos brotes en Galicia. Así mesmo, a investigación Seguicovid analizou a evolución clínica durante 12 meses de persoas que superaron a covid-19, concluíndo que os reingresos tras a hospitalización son pouco frecuentes e que teñen lugar fundamentalmente nas dúas primeiras semanas de alta.
Ademais, o proxecto Covidphy permitiu identificar distintas cepas do virus e estudar o papel dos chamados supercontagiadores na pandemia e, para concluír, os ensaios de Reutiliza demostraron a posibilidade de reutilizar os EPI do coronavius tras dez ciclos de esterilización, ao manter a súa funcionalidade físico-química e mecánica.
Escribe o teu comentario