Un estudo da UDC advirte o "alto risco de desaparición" de cabalos salvaxes en Galicia, inevitable sen medidas
A universidade herculina publicou este xoves o texto para un proxecto da Unión Europea onde denuncia a posible desaparición dos cabalos salvaxes do ecosistema galego.
O estudo, liderado por Jaime Faúndez, apela a adoptar medidas "antes de que sexa demasiado tarde".
Cabalos salvaxes | Foto: EP
Investigadores da Universidade da Coruña (UDC) alertan do "alto risco de desaparición" do ecosistema tradicional dos cabalos salvaxes en Galicia, á vez que urxen ás administracións a adopción de medidas para "salvagardalo".
Trátase dun estudo realizado no marco do proxecto da Unión Europea 'Life GrazeLIFE', a cargo de científicos da UDC liderados por Jaime Fagúndez, que presentaron á Comisión Europea as conclusións.
O proxecto 'Life GrazeLIFE', unha iniciativa financiada pola Unión Europea que promove a xestión sostible do territorio mediante o pastoreo e o uso de grandes herbívoros, apela a adoptar medidas "antes de que sexa demasiado tarde".
O equipo de científicos da UDC estivo integrado por Jaime Fagúndez, Laura Lagos, José Antonio Cortés Vázquez e Flávia Canastra, que presentaron vía en liña ante a Comisión Europea as conclusións deste traballo.
A UDC é socia do proxecto Life GrazeLIFE, unha iniciativa europea con socios en oito países que se desenvolveu entre os anos 2019 e 2021 e contribuíu co estudo dos cabalos salvaxes de Galicia fronte a outras alternativas de xestión do monte.
Nas conclusións, incídese na necesidade de que as administracións tomen "medidas urxentes". "Ou a curto prazo chegará o colapso do ecosistema de cabalos en liberdade en Galicia, que achega biodiversidade, altas taxas de almacenamento de carbono e baixo risco de incendios fronte a modelos baseados na repoboación forestal ou no abandono de terras".
Como posibles solucións, expoñen eliminar o microchipado nestes animais, aplicar medidas para reducir accidentes de tráfico, fixar o pago por presenza de lobos, modular o sistema de axudas da PAC ou limitar a explotación forestal nestes territorios.
Escribe o teu comentario