Fernández-Tapias posible nova líder do PP de Vigo para o que tamén soa Javier Guerra
Feijóo ten cravada unha espiña electoral en Vigo, única urbe na que o PP cultiva fracaso tras fracaso desde que o actual líder dirixe o PPdeG.
Feijóo ten cravada unha espiña electoral en Vigo, única urbe na que o PP cultiva fracaso tras fracaso desde que o actual líder dirixe o PPdeG.
As reunións convocadas polo seu actual delegada na cidade fan pensar que Fernández-Tapias é quen competirá con Abel Caballero, se a militancia elíxea. Polo menos ese é o desexo da cúpula do PPdeG.
Marta Fernández Tapias nunha reunión con militantes do PP de Vigo Fernández Tapias nunha reunión con militantes do PP de Vigo
A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, referiuse este luns aos contactos que está a manter cos militantes do PP na cidade e enmarcounos nun proceso de "escoita" previo á celebración do congreso local do partido (aínda sen data), aínda que evitou aclarar se optará a presidir o PP vigués.
Preguntada polos xornalistas, Fernández-Tapias admitiu que está a manter encontros con militantes, xa que "todas as cabezas visibles do partido deben facelo", para saber "que queren, que pensan e que necesitan".
A delegada da Xunta en Vigo lembrou que o PP da cidade está "en vésperas de celebrar un congreso" para renovarse e "facer un PP moderno e forte" na cidade olívica.
"Agora estou a escoitar aos militantes e tomando o pulso ao partido, para poder construír esa alternativa tan necesaria na cidade, e que o PP volva xerar ilusión entre os militantes, para poder construír unha alternativa de futuro", proclamou.
Fernández-Tapias mantivo reunións con militantes e simpatizantes de diferentes zonas de Vigo nos últimos días. De feito, nunha delas estivo acompañada polo exalcalde da cidade, Manuel Pérez.
CONGRESO LOCAL
A delegada da Xunta perfílase como a aposta do PPdeG para liderar o partido en Vigo onde, tras a dimisión de Elena Muñoz despois das eleccións municipais de 2019 (nas que o seu partido pasou de 7 a 4 concelleiros), conformouse unha xestora presidida pola exalcaldesa e actual deputada e secretaria da mesa do Parlamento, Corina Porro.
Ademais do seu, hai outros nomes sobre a mesa, como o do exconselleiro e senador Javier Guerra, que xa lle disputou a presidencia do PP vigués a Elena Muñoz (e perdeu por un centenar de votos) e estaría a tentear as súas posibilidades. Guerra conta coa vantaxe de que o seu actual cargo permítelle certa visibilidade na vida local, como mostra a rolda de prensa valorando os orzamentos xerais do Estado e as súas implicacións para a cidade.
Ademais, o recente nomeamento do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, como coordinador do PP na área viguesa tamén abriu a porta ás especulacións sobre o seu futuro papel no partido, aínda que este descartou que fose un paso para converterse en líder do partido na cidade ou candidato á alcaldía.
O congreso do PP de Vigo aínda non foi convocado aínda que, tras a celebración das citas provinciais, o obxectivo da dirección do PPdeG é convocar os congresos locais.
Escribe o teu comentario