A socialdemocracia galega non sae do seu labirinto

Manoel Barbeitos
Economista

 



Non lle resultou doado ao PSOE atopar en Galicia o seu sitio como organización política con personalidade propia. Serían dous factores, un de carácter interno -a entrada dun importante grupo de cadros políticos procedentes do PSG- e outro de carácter externo -o debate e a aprobación do Estatuto de Autonomía- os que facilitarían que a federación galega do PSOE se convertera definitivamente no PSdeG-PSOE (1977). Unha organización a procura dunha personalidade política propia na que o galeguismo e a socialdemocracia foran as súas sinais de identidade nun contexto no que a paz interna aparecía como ferramenta imprescindible. Un proceso de "conversión política" que, de entrada e cuestionando a citada paz interna, se levaría por diante a dous secretarios xerais como Modesto Seara Vázquez e Jose Luis R. Pardo que contaban cun currículum político e profesional do mais relevante. Uns sucesos que analizados en perspectiva aparecen como os pioneiros nunha historia do PSdeG-PSOE marcada pola fraxilidade da secretaría xeral -tivo, deica o día de hoxe, 11 secretarios xerais en tan so 45 anos de vida- o que contribuirá decisivamente a que nunca sexa quen de converterse e actuar como un partido soberano, nunca sexa quen de saír do seu labirinto.


Unha realidade que quedará claramente de manifesto as primeiras de cambio. Así algo aparentemente tan evidente como a cubicación da nova capitalidade de Galicia (1982) provocará un forte enfrontamento interno que derivará nunha división en dous bandos da dirección dese momento. Unha grave crise interna que debilitará enormemente a organización tanto a nivel orgánico como político, que a afastará por un tempo considerable de calquera posibilidade de optar a Presidencia da Xunta, que danará a súa imaxe como organización soberana e que iniciará unha dinámica de continuos cambios ao fronte da organización como proba o dato de que en vinte anos terá sete secretarios xerais distintos. Anos nos que o PSdeG-PSOE non pararía de dar voltas dentro do seu labirinto cainita e onde a loita polo poder substituirá o que debera seren unha batalla política e ideolóxica fraternal.


Será, unha vez mais, un acontecemento externo, neste caso a ruptura do grupo parlamentar do Partido Popular (1987), quen posibilitara que o PSdeG-PSOE pase a ocupar o centro do escenario político por mor dunha moción de censura que lle facilitaría o acceder, por primeira vez na súa historia, a presidencia da Xunta de Galicia (1987). Unha operación política que inicialmente non contou co total beneplácito dun parte relevante da organización, poñendo así de novo en evidencia a súa fraxilidade política interna, e que non foi quen de continuar pois nas primeiras eleccións celebradas a continuación (1991) perdería a presidencia.


A aparición no escenario político galego dun estadista da talla de Manuel Fraga evitaría que o PSdeG-PSOE conservara a presidencia da Xunta de Galicia o que daría lugar a que se iniciara un novo período de inestabilidade nesta organización (1990-1998) marcado unha vez mais polos frecuentes cambios de liderado orixinados mais por ambicións persoais que por motivos político-ideolóxicos e que se verían favorecidas polas crise de liderado que provocaban as sucesivas vitorias absolutas de Manuel Fraga. Situación que se manterá hasta que, unha vez mais, factores externos farán que o PSdeG-PSOE poda volver a ocupar o centro do escenario na política galega.

O declive físico e intelectual de Manuel Fraga e, moi especialmente a indignación cidadán polo comportamento das autoridades políticas (PP) fronte ao desastre do Pestrige (2002) serán quen conducirán ao PSdeG-PSOE a presidencia da Xunta de Galicia pero agora pola vontade popular (2005). Unha posición que, de novo, non será quen de conservar a pesares de contar con moitos elementos a favor. Unha nova derrota electoral (2009), que si supuxo ter que abandonar a Presidencia da Xunta de Galicia en favor do Partido Popular tamén afectará a Secretaria Xeral do PSdeG-PSOE.


Esta nova derrota electoral despertará os vellos demos cainítas que si parecera deixaran de existir en realidade so estaba durmidos. Terán lugar novos e sucesivos relevos na dirección política do PSdeG-PSOE que rematarán en perdas tanto de personalidade política como de posición no taboleiro político. Así e, logo das últimos eleccións autonómicas (2021) o PSdeG-PSOE pasa a ocupar o terceiro, e último lugar, no Parlamento galego. Unha posición que, unha vez mais, será a escusa perfecta para unha nova división.


Este breve e conciso repaso a historia do PSdeG-PSOE pode servir para concluír que si en algunhas fases da súa historia tivo un alma socialdemócrata non é posible dicilo mesmo encol dun alma soberanista agás un curto período cubicado entre finais dos anos setenta e principios dos oitenta no século pasado. Esta carencia de conciencia política soberanista, cemento para a unidade interna, favorecería unha traxectoria na que a ideoloxía e a estratexia políticas estiveron sempre a mercede dos intereses persoais e particulares dos seus lideres e dirixentes. Un diagnóstico que resulta facilmente confirmable si, por caso, analizamos os comportamentos de moitos dos seus líderes locais (concellos, deputacións) nos que resulta difícil atopar tanto unha ideoloxía minimamente soberanista como, o que debera seren outra sinal de identidade, un comportamento militante e solidario como se espera dos políticos autenticamente socialdemócratas.


Unha dinámica que, como estamos vendo, tanto ten consecuencias electorais que, por caso, se reflicten na súa incapacidade para repetir a nivel autonómico os resultados obtidos a nivel local como alimenta as diverxencias internas que na actualidade protagonizan Gonzalo Caballero (Secretario xeral e portavoz do grupo parlamentario galego) e Valentín Gonzalez Formoso (Alcalde de As Pontes e Presidente da Deputación de A Coruña). Unha dinámica que explica a crónica debilidade dos equipos directivos do PSdeG-PSOE. Debilidade que so parece superarse en caso de producirse vitorias electorais a nivel autonómico e como estás son moi escasas as crises son continuas e permanentes. Crises que impiden que o PSdeG-PSOE sexa quen de saír do seu labirinto.


Crises que afectan a política galega posto que, hoxe por hoxe, non é posible un cambio progresista en Galicia sen contar coa participación do PSdeG-PSOE.




As candidaturas de Caballero e Formoso entregando os avais nunha fotomontaxe de Galiciapress


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE