Galicia non aplicará límites ás subidas dos alugueiros que a Casado parécenlle radicais e suicidas
O líder do PP de España di que os seus gobernos autonómicos non aplicarán a limitación dos prezos dos alugueiros pactada onte polo PSOE e Podemos. Limitación que as comunidades poden implementar ou non, xa que a competencia é súa.
Casado enarbora un discurso durísimo contra a Lei de Vivenda argumentando que asustará aos investidores estranxeiros e reducirá a oferta. Feijóo foi onte algo máis prudente, aínda que dixo que non vía "nada bo" na nova norma.
O líder do PP, Pablo Casado, anunciou este mércores que a súa formación levará ao Tribunal Constitucional a Lei de Vivenda e non a aplicarán nas súas comunidades autónomas. Ao seu entender, "este intervencionismo é suicida" e demostra que España ten "o Goberno máis radical da Unión Europea".
DEFENSA DOS PROPIETARIOS
Nunha entrevista en Telecinco, que recolleu Europa Press, Casado sinalou que esa intervención no mercado do alugueiro lanza unha "mensaxe de inseguridade xurídica" e sinalou que un Goberno non pode "interferir" na liberdade e na propiedade privada.
O xefe da oposición avisou que coas medidas do Goberno o que vai suceder é que a xente non poña os seus pisos en alugueiro e ao final haxa menos pisos. É máis, engadiu que non é unha cuestión de dar axudas senón de dar seguridade xurídica, que veñan a España os investidores e que os mozos teñan emprego porque así poderán acceder ao alugueiro.
SUPOSTO RADICALISMO
Por iso, anunciou que o PP levará a decisión do Goberno de "intervir" o mercado do alugueiro ante o Constitucional.
"Sánchez é refén dos seus socios radicais e é unha pena que España teña o Goberno máis radical da UE", manifestou, para lembrar que o seu partido tamén levou ao TC a lei de alugueiros de Cataluña.
Escribe o teu comentario