Médicos de familia forzados a golpe de burofax a traballar sen descanso no PAC de Ribeira
CIG-Saúde do Barbanza denunciou que o persoal facultativo do centro de saúde de Ribeira é "obrigado" a cubrir as gardas no PAC "a golpe de burofax" e solicitou a dimisión dos responsables da xerencia sanitaria compostelá, polo que ve "unha mala xestión" do centro de Atención Primaria.
A Xunta admite que tivo que tirar de requirimento escrito para obrigar aos galenos para traballar máis aló do seu horario.
A CIG alerta que os médicos non están a descansar o necesario, algo que loxicamente ten consecuencias na calidade asistencial.
PAC do SERGAS en Ribeira nunha imaxe de Google Street View
VERSIÓN DO SINDICATO
Segundo relatou, durante boa parte do verán e, "máis a miúdo nestas últimas fins de semana", a Xerencia "está a obrigar aos traballadores" de Primaria do centro de saúde a "realizar gardas ese mesmo sábado e domingo tirando e burofax, entre as 14,00 e as 15,00 horas.
O sindicato, que alerta da "falta de persoal", censura esta práctica e que "non se respecten os descansos" dos traballadores.
VERSIÓN DA XUNTA
Consultada a área sanitaria, trasladou a Europa Press que se tratou de "unha medida puntual, empregada en casos excepcionais, unha vez esgotadas todas as opcións habituais para cubrir as baixas imprevistas".
"Recorreuse á obrigatoriedade, previamente comunicada telefonicamente, ante a absoluta indispoñibilidade de facultativas que puidesen realizar a garda e por razóns imperiosas de necesidade asistencial, para poder garantir a asistencia sanitaria á poboación", explicaron as fontes sanitarias.
Escribe o teu comentario