Os resultados das eleccións madrileñas seguen coleando e estanse levando por diante a uns cuantos políticos: Gabilondo renuncia a recoller a súa acta de deputado e, aínda por riba, a tensión e a situación provocoulle unha arritmia que debe coidar para evitar males maiores. A carreira política de Gabilondo terminouse. Toda a executiva dos socialistas madrileños “presentaron” a súa dimisión, polo que Ferraz nomeará unha xestora ao gusto deles ata convocar eleccións internas. Será un equipo ao gusto de Pedro Sánchez? Ninguén o dubida e as voces críticas calarán, polo si ou polo non, mentres que en privado soltan ‘a de Deus’ contra Ivñan Redondo e o seu xefe. Eles deseñaron a estratexia e Gabilondo e a Federación Socialista Madrileña axustáronse ao guión, aínda estando en desacordo. Claro que sempre hai que buscar un cabeza de turco e cos dimisionarios parece que se cumpriu a cota.
A executiva socialista deste xoves decidiu facer “limpeza”. A máis diso abrir expediente a Leguina e Redondo por acompañar a Ayuso nun acto de campaña, e todo indica que os expulsará. Tamén quere reorganizar o socialismo andaluz, sacando a Susana Díaz do liderado do partido e de paso, deixala fóra da lista no caso de que o presidente da Xunta, Juan Manuel Moreno, anticipe as eleccións en Andalucía para recoller o efecto Ayuso e aproveitarse da situación dos socialistas. Unha xogada que pensa que lle pode saír ben. O problema é que agora goberna con Cidadáns ,e non se sabe se o partido laranxa pode sufrir a mesma desastre que en Madrid e que teña que recorrer a Vox para poder gobernar.
A presidenta da Comunidad de Madrid e candidata do PP , Isabel Díaz Ayuso, cos exdirixentes socialistas Joaquín Leguina e Nicolás Redondo @ep
No PSOE iniciouse unha nova revolución interna, con poucas filtracións por medo ás consecuencias que as discrepancias, interpretadas como disidencia, poidan carrexarlles aos seus autores. Unha boa parte de dirixentes e militantes non viu con bos ollos os acordos cos independentistas, nin tampouco que non se puido frear as saídas de ton do seu socio de goberno, Pablo Iglesias, que puxo en dúbida a xestión de Pedro Sánchez. O líder morado marchouse, como era de esperar, pero a que parece ser a substituta á fronte da formación, Ione Belarra, non é precisamente unha irmá da caridade. Non llo vai a poñer fácil á parte socialista do goberno. Así que, nestes anos de goberno que aínda quedan –non interesa convocar agora eleccións- a convivencia con Unidas Podemos vai seguir sendo complicada. Aínda que Iglesias nomease á ministra Díaz como interlocutora e líder, Deixaranlle exercer o cargo? Teño serias dúbidas que sexa así.
O PP, cos resultados de Madrid, interpreta que pode gañar as eleccións xerais. Están a interpretar o conto da leiteira e todos xa sabemos cal é o final do mesmo. Ayuso gañou, pero quedan dous anos de xestión e aí vai estar a clave do futuro. Mentres, os socialistas deberán cambiar as súas políticas de goberno se non queren que os desaloxen de Moncloa. Dicía Jorge Bucay que “estar preto do que máis sabe fai máis sabio ao que non sabe”.
Escribe o teu comentario