A Xunta abre este martes o proceso para solicitar unha das 20.000 axudas para a compra de electrodomésticos
O programa Renove Electrodomésticos pretende axudar a 20.000 familias e apostar por un modelo de consumo sostible.
Os apoios poderán alcanzar o 25% do prezo de electrodomésticos para un consumidor xeral, o 50% para os vulnerables e o 75% para os vulnerables severos.

Axudas para electrodomésticos | Foto: EP
Os cidadáns interesados en participar no programa Renove Electrodomésticos poden solicitar desde este martes, 20 de abril (9,00 horas), estas axudas da Xunta coas que prevé chegar a 20.000 fogares.
Estas axudas están destinadas á adquisición dos seguintes electrodomésticos: frigorífico ou frigorífico conxelador A, B, C ou D; conxelador A, B, C ou D; lavadora A, B ou C; lavalouzas A, B ou C; e encimera de indución total.
O Goberno galego destina tres millóns de euros a estas axudas, un 70% máis que na anterior convocatoria. Serán de concorrencia non competitiva, deben presentarse por medios electrónicose resolveranse por orde de entrada. Hai 400 entidades adheridas, que pode pedir a súa participación ata o 30 de xuño.
Os apoios poderán alcanzar o 25% do prezo de electrodomésticos para un consumidor xeral, o 50% para os vulnerables e o 75% para os vulnerables severos. Así, as axudas irán dos 100 aos 450 euros.
Cada beneficiario poderá recibir unha axuda para cada unha das tipoloxías cun máximo de tres electrodomésticos.
Así, prevese mobilizar 10,5 millóns de euros. Supoñerá aforros anuais duns 560.000 euros, así como unha diminución de emisións de dióxido de carbono equivalente á plantación de 60.000 árbores, mentres se estima que creará uns 150 postos de traballo.
Escribe o teu comentario