Hostaleiro enfróntase 60.500€ de multa por saltarse os horarios e negarse a abrirlle á Policía de Lugo
A Policía Local de Lugo asegura que o local da rúa Fermín Rivera é reincidente en non respectar as medidas contra o coronavirus
Os axentes esperaron varias horas para interceptar aos clientes, varios dos cales conducían bébedos
Imaxe remitida pola Policía Local de Lugo
Un dispositivo instalado preto do establecemento permitiu interceptar a dous condutores que deron positivo en alcol e circulaban sen ITV
A Policía Local de Lugo propuxo para sanción a un establecemento de hostalería da cidade que permanecía aberto e con clientes no interior cando pasaba a medianoite do venres ao sábado e que, ademais, non abriu aos axentes cando compareceron no lugar.
POSIBLES SANCIÓNS
En concreto, segundo informa o Concello, o responsable do negocio enfróntase a dúas multas por infraccións á Lei de Saúde de Galicia: unha primeira de ata 60.000 euros por "non colaborar con axentes da autoridade" e impedir o labor inspector "con agravante de reincidencia"; e outra de 500 euros por manener o local aberto ao público máis aló das 18,00 horas.
Todo comezou sobre as 00,15 horas da madrugada do sábado, cando unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo detectou que un establecemento hostaleiro, situado na rúa Fermín Rivera, atopábase con xente no seu interior.
SILENCIO Ao CHAMAR Os AXENTES
Os axentes, segundo relata o comunicado do Concello, escoitaron desde os exterior "cánticos e voces" e observan que a luz está acesa. Así, aínda que "chaman repetidamente á porta", as persoas no interior calaron e o responsable do local non abriu "a pesar dos continuos requirimentos e ordes" dadas polos policías.
Deste xeito, estableceuse un dispositivo na zona. Sobre as 2,45 horas, empezaron a saír do local varias persoas e os axentes interceptaron dous vehículos. Ambos os condutores deron positivo na correspondente proba de alcoholemia --0,63 miligramos por litro en aire respirado o primeiro e 0,55 o segundo--. Os dous coches foron retirados ata o depósito municipal polo servizo de guindastres.
Os condutores enfróntanse a unha primeira multa de 1.000 euros por conducir cunha taxa de alcol superior ao máximo permitida e a unha segunda de 200 porque tiñan a ITV caducada. Así mesmo, tanto eles comou os seus acompañantes, foron denunciados e propostos para sanción --de 500 euros-- por transitar pola vía pública vulnerando o toque de queda sen causa xustificada.
UNHA TRINTENA DE DENUNCIAS
De acordo con datos da Policía Local, os dispositivos establecidos durante toda a fin de semana para velar polo cumprimento da normativa covid permitiron levantar 31 actas de denuncia.
Destas, 19 multas --de 500 euros cada unha-- foron por transitar pola vía pública entre as 22,00 e as 6,00 da mañá; seis --doutros 500-- por fumar sen manter a distancia de seguridade; e outras seis --de 100 euros-- por non empregar a máscara.
Escribe o teu comentario