O PSOE anuncia para "xa" a iniciativa de moción de censura contra Jácome que levará ao pleno municipal
A iniciativa ao pleno municipal para chamar aos grupos para asinar a moción de censura contra o rexedor auriense será tramitada pola vía de urxencia.
"Que máis ten que pasar para que os grupos políticos do Consistorio asinen a moción?", sinalan desde o grupo socialista.
O alcalde Pérez Jácome | Foto: EP
O Grupo Municipal Socialista de Ourense anunciou que levará pola vía de urxencia unha iniciativa ao pleno municipal para instar a todos os grupos políticos a asinar "xa" a moción de censura contra o alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome.
Os socialistas apreman a impulsar esta medida despois de que nos últimos días transcendese que o alcalde está a ser investigado pola Fiscalía por dous asuntos distintos: coacción por medio dun asesor a unha edil de Democracia Ourensá e a carencia de regulación do tráfico na zona vella de Ourense.
"Que máis ten que pasar para que os grupos políticos do Consistorio asinen a moción?", sinalan para subliñar que os últimos "despropósitos" do mesmo son "uns de tantos que reflicten o goberno dun alcalde sen escrúpulos".
No texto da moción, acusan o rexedor municipal de ser "un mandatario sen contacto coas Administracións autonómicas e estatais", de non ter modelo de cidade "nin interese pola integración ferroviaria", de desprezar a cultura e a educación e "de ignorar ás mulleres na composición das súas listas electorais e renunciar a protexelas adecuadamente contra a violencia de xénero".
Ademais, tamén lle reprochan "carecer de ideas para o comercio e a praza de abastos", ter "as principais concesións en precario" e outras mostras que consideran de "desgoberno no contexto dunha pandemia".
Por iso, os socialistas sostiveron que "hai que actuar xa en procura dunha solución urxente" e insisten en pedir ao PP que "deixe de utilizar a escusa do veto ao candidato máis votado do partido que gañou as eleccións" e que, "polo menos", un dos sete edís apoie a moción para conseguir as 14 firmas e "cambiar a decadencia da cidade".
Escribe o teu comentario