Así é o plan da Xunta para controlar de bares e restaurantes cando abran tras o alivio das restricións

|

Feijóo adiantou este venres que para a semana parte da hostalería abriría, aínda que o seu conselleiro de Sanidade por agora só fala de prudencia


A intención inicial era que os hostaleiros se implicasen máis na vixilancia das medidas, pero parece que agora todo se fai recaer nas diferentes forzas policiais


O plan de reforzo para a vixilancia do cumprimento das condicións de seguridade e as medidas durante a posible desescalada da hostalería, contaría tanto con efectivos da Policía Local, da Autonómica e a colaboración das forzas e corpos de seguridade do Estado.


Reunión da Comisión Galega de Cooperación LocalReunión da Comisión Galega de Cooperación Local /EP


O vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, presentou ante os representantes municipais e das Deputacións, no seo da Comisión Galega de Cooperación Local, o citado plan de control para o que buscará a coordinación e a colaboración de todos os efectivos posibles dos que dispoñan tanto os concellos, como a Xunta e os dependentes da Delegación do Goberno de Galicia.

Todo iso para afinar un documento, que a Xunta remitirá á Federación Galega de Municipios e Provincias nas próximas horas.

O obxectivo é contar cunha planificación "realista" e viable para a súa análise no próximo comité clínico, que se reunirá o luns e que avaliará se o dispositivo proposto "é suficiente" para garantir a seguridade durante a hipotética (aínda que "previsible") reapertura gradual dos establecementos hostaleiros.

Rueda insistiu na importancia de garantir "non só a seguridade", senón "a permanencia no tempo" desta coordinación e este control para evitar "dar pasos atrás" e ir reforzando as medidas en función das decisións que se adopten e "que implican a todo o mundo".

COORDINACIÓN DE EFECTIVOS
A proposta incide en que as forzas de seguridade visiten "todos os locais que abran" a partir da desescalada.

A policía local acudiría, dependendo dos medios dos que dispoña, un mínimo dunha ou dúas veces á semana, para verificar que se cumpren as medidas e criterios establecidos, así como os horarios de peche.

As cidades e municipios de máis de 20.000 habitantes contarían cunha planificación específica para fins de semana, festivos e en puntos de especial concentración de locais.

A este "esforzo" que se solicita á administración local estaría acompañado dos efectivos da Policía Autonómica e dos inspectores da Consellería de Sanidade, engadiu Rueda, do mesmo xeito que se solicitou á Delegación do Goberno a colaboración das forzas e corpos de seguridade do Estado para aqueles municipios "que non dispoñan de Policía Local".

Rueda matizou, non estante, que este control xa se estaba facendo por parte dos efectivos locais, como constatan as máis de 5.000 denuncias presentadas por incumprimentos das normas covid e que derivarán en máis dun milleiro de expedientes sancionadores.

"Está a actuarse e queremos que se siga facendo", insistiu, para lembrar ademais que os profesionais da hostalería son "os primeiros interesados" en que isto se materialice e que as administracións se coordinen "para ser efectivas".

CONTROL DE AFOROS
Outro dos piares do plan debe ser o cálculo de aforos destes locais, que é necesario fixar, "que sexan visibles" ao público, respéctense e contrólese o cumprimento do mesmo, ademais de buscar "a máxima implantación" posible dos códigos QR polo seu beneficio para xestionar os brotes e os contagios derivados.

En todo caso, Rueda quixo deixar claro que a clave do éxito das medidas parte do necesario "autoconvencimiento" por parte dos usuarios destes locais da importancia de cumprir coas condicións de seguridade, ademais do papel dos hostaleiros para "observar" o cumprimento das normas nos seus establecementos.

Por parte da Fegamp, Alberto Varela valorou a previsible coordinación entre as tres administracións para levar a cabo as tarefas de control e asegurou que os concellos colaborarán na o medida das súas posibilidades, pero "sen especular" e con información "que ten que vir de primeira man" para "poder participar na toma de decisións".

COMISIÓN DE COORDINACIÓN
Neste sentido, propuxo a creación dunha comisión que se reúna periodicamente para que a administración local reciba información sobre a evolución da pandemia e poida participar na xestión, como pode ser "a desescalada do sector da restauración".

"Hai un compromiso claro de mellorar aínda máis a colaboración para poñerlle fin canto antes a isto", incidiu, sobre todo para "evitar dar pasos atrás" nos avances da situación epidemiolóxica ante a próxima chegada do bo tempo.

Sobre esta cuestión, Rueda asegurou estar "completamente de acordo" no mantemento dese foro de comunicación permanente, "polo menos nestes meses de pandemia", para así difundir e compartir "canto antes" todos os temas que afecten ás diferentes administracións.

ACLARAR O MAPA COMPETENCIAL
Outro dos temas abordados durante o encontro é a necesidade de definir un mapa competencial para delimitar e aclarar aquelas cuestións que debe asumir cada administración.

Varela insistiu en que os municipios asumen competencias impropias sen ter "capacidade de xestión" e rexistran "problemas de financiamento", ante a falta de fondos extraordinarios para poder cumprir con estas tarefas e nun momento no que contan "con menos ingresos que nunca".

Parte destas actuacións "afogan" en gran medida as arcas municipais, engadiu, sobre todo en materia de política social, e todas elas son cuestións nas que hai que "seguir traballando" e dando pasos, volver falar do 'pacto local' e ter en conta as circunstancias que rodean a todas as administracións.

Rueda destacou a importancia de "poñerse de acordo" nese mapa e acordar "realmente" que é competencia de cada administración, o que require de "traballo técnico".

En todo caso, a partir desa definición decidirase "como se financia", sempre coa intención "clara" de "ser eficaces, evitar duplicidades". "Creo que esta vez seremos capaces de facelo", engadiu.

Tamén se abordou a posibilidade de que os municipios participen no deseño de prioridades dos fondos europeos, que teñan participación na súa execución e lembrou a posibilidade de que as administracións locais poidan utilizar a plataforma do Goberno galego para repartir contías e engadir fondos destinados a axudas á hostalería.

CRÍTICAS DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Pola súa banda, a Deputación de Pontevedra emitiu un comunicado no que rexeitou o "modelo" exercido pola Xunta de "propoñer" accións que se cumpren con recursos do mundo local, e reclamou que se estableza "un auténtico Fondo Local".

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress