Nace ‘Somos Eventuais’, unha plataforma para evitar “que o SERGAS se converta en chiringuito privado do PP”
A nova plataforma, que agrupa a persoal eventual sanitario e de residencias públicas, xorde co obxectivo de denunciar os cambios da lei de emprego público.
A nova plataforma, que agrupa a persoal eventual sanitario e de residencias públicas, xorde co obxectivo de denunciar os cambios da lei de emprego público.
Desde o colectivo deixan claro que o fin do grupo é “defender os nosos dereitos laborais e a calidade da sanidade e os coidados”.
García Comesaña, conselleiro de Sanidade | Foto: EP
No seu primeiro comunicado fan especial fincapé en “a constante precariedade e os desprezos, cada vez máis insolentes, da administración”. Nesa liña, reprochan á Xunta de Galicia as “vulneracións rampantes” que sofre o gremio.
A pinga que colmou a paciencia destes profesionais foron as últimas informacións que sinalan a existencia da negociación dun novo Pacto de Contratacións. “Un novo marco de contratacións co que a Xunta pretende vulnerar as leis de emprego público aproveitando a maioría absoluta do Partido Popular no Parlamento”, denuncian.
“Desde Somos Eventuais rexeitamos todas estas medidas, considerando que están a crear unha ‘lei de enchufismo’”, critican, á vez que sinalan os “premios salariais” que reciben altos cargos do goberno ou a existencia de “diferentes exames no mesmo proceso de oposición”, así como os traslados de persoal.
“Esiximos a retirada inmediata desta nova normativa para recuperar, inmediatamente, a vía do diálogo e a garantía xurídica nos mecanismos de contratación. Non podemos permitir que o SERGAS se converta nun chiringuito privado no que o PP poida facer e desfacer ao seu antollo utilizando ás traballadoras e traballadores como simples e inanimados peóns”, conclúen.
Escribe o teu comentario