Europa, a industria farmacéutica e a pandemia

Manoel Barbeitos
Economista

Hai algo que todos os responsables políticos deberían ter moi claro nesta pandemia: garantir a saúde e a vida das persoas ten que ser o prioritario. Máis aínda, que tampouco será posible unha auténtica recuperación económica sen superala pandemia. Unha superación que esixe, por caso, acelerar o ritmo actual das vacinacións para que o máis temperán posible toda a cidadanía estea vacinada. Un obxectivo totalmente posible e viable pero que se está atrasando porque o sinalado ao principio non se cumpre. Non se cumpre porque, neste momento, os intereses da industria farmacéutica priman por encima do interese xeral deixando así en evidencia unha vez máis á Unión Europea, tal e como apuntaba no artigo anterior.


Que queda en evidencia a Unión Europea resulta indiscutible cando, na liña do seu pensamento dogmático dos mercados perfectos, deixa en mans de determinadas industrias farmacéuticas a produción e a distribución das vacinas, o que vén sendo o mesmo que deixar a saúde e a vida dos europeos en mans duns comprados oligopolistas cuxo obxectivo prioritario é a máxima ganancia. Unha estratexia empresarial que provoca, por caso, problemas na oferta: no momento de escribir estas liñas (6 de febreiro) o número de europeos vacinados non chega ao 3% da poboación.


Uns problemas na oferta que non se xustifican pola situación do mercado cando a día de hoxe a Unión Europea ten asinados contratos coas seguintes industrias farmacéuticas: Tech- Pfizer, Moderna, Astra-Zeneca, Sanofi-GSK, Johnson&Johnson e Curevac, que aseguran contar cunha vacina de moi alta eficacia e coas doses suficientes para vacinar a todos os cidadáns europeos. A propia Lancet vén de asegurar que a maiores das citadas a vacina rusa Sputnik 5 alcanza unha eficacia do 91%, dato que confirma como na actualidade a pandemia da COVID-19 está perfectamente identificada e controlada.


Volvendo ao comportamento das industrias farmacéuticas na subministración das vacinas, hai que subliñar que este non é moi diferente do que tiveron en anteriores e parecidas circunstancias. Un comportamento chantajista e oportunista pero que se ve favorecido pola súa condición de empresas oligopolistas que posibilita, por caso, que mentres Israel, Arabia Saudita e mesmo Gran Bretaña non teñen problemas de subministración e poden así avanzar con maior rapidez na vacinación, si os teña a Unión Europea a pesar de tratarse das mesmas empresas subministradoras. O resultado é que, por caso, no interior da Unión Europea a distribución está a ser moi desigual tanto no número de doses dispoñibles como no prezo das mesmas. Unha discriminación que xustifica a indignación dos cidadáns europeos cando nos informamos de que estas empresas farmacéuticas conseguiron as vacúas grazas ao diñeiro público que se empregou na investigación e desenrolo das mesmas. Máis aínda, grazas ao seu enorme poder estas empresas conseguiron as patentes que lle dan o control absoluto e exclusivo sobre a produción e a comercialización destas vacinas.


Velaí a raíz do problema, que unha Unión Europea, presa das súas dogmas neoliberais, volve tomar o pelo aos cidadáns porque mentres as industrias farmacéuticas van obter con seguridade as maiores ganancias da súa historia, grazas a unhas marxes de beneficios que se moverán entre o 60 e o 80%, a saúde e a vida de millóns de cidadáns europeos non está debidamente asegurada por estar nas mans dos mercados.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE