Lavado de cara para a Gala do Libro Galego, que pasa a chamarse 'Premios Follas Novas' na súa sexta edición

A entrega volverá ser modo 'en liña' en maio, aínda que se estudará facela presencial "en caso de melloría manifesta" da pandemia

|

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) poñen en marcha o proceso de selección das obras finalistas.


A pandemia marcará outro ano máis a gala, que será novamente telemática.


Premiados na gala dos Premios en Lingua Galega, celebrada en Santiago de Compostela este sábado 11 de maio.Entrega de galardóns en 2019 | Foto: EP


A Gala do Libro Galego iniciou esta semana a selección de obras finalistas para a súa sexta edición, coa que pasará a denominarse Premios Follas Novas do Libro Galego en homenaxe á obra de Rosalía de Castro publicada en 1880.

Así, as tres asociacións convocantes deste galardón --Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG)-- arrincaron xa o proceso para escoller os títulos e iniciativas que optarán a cada unha das 15 categorías.

En concreto, os Premios Follas Novas do Libro Galego recoñecerán unha obra de ensaio e investigación; unha de divulgación; unha de narrativa; unha obra infantil; unha xuvenil; un libro ilustrado; un libro de banda deseñada; unha iniciativa bibliográfica; unha obra traducida; un libro de poesía; un de teatro; a mellor edición; unha iniciativa cultural ou en fomento da lectura; un proxecto literario na rede; e un premio á traxectoria en xornalismo cultural.

Estas categorías completaranse coa entrega durante a propia gala --que será exclusivamente 'en liña'-- de tres premios honoríficos á edición, a unha librería e a un escritor galego universal.




TODO O PROCESO, VIRTUAL

Este evento, convocado coa colaboración do Concello de Santiago, a Deputación da Coruña, a Xunta e a asociación de autores e editores CEDRO, volverá estar marcado pola pandemia da covid-19, polo que todos os procesos de elección da sexta edición serán virtuais.

Isto tamén inclúe á propia gala, que "só en caso de melloría manifesta" da situación epidemiolóxica de Galicia poderase celebrar de forma presencial, segundo explica a organización. De feito, a V Gala do Libro tívose que atrasar medio ano --de maio a novembro-- e derivouse ao formato 'en liña' debido á crise sanitaria.

A VI edición, rebautizada como os Premios Follas Novas do Libro Galego, terá como protagonistas a autores, títulos e iniciativas desenvolvidas durante o ano 2020, que foi "especialmente difícil para todo o sector", recalca a organización.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE