O galego só puntúa; protesta a Mesa tras o anuncio de suprimir o idioma para traballar no SERGAS

A Xunta de Galicia anunciou esta semana que Sanidade valora a posibilidade de suprimir temporalmente o requisito de que os profesionais sanitarios coñezan o galego para así abrir o abanico de posibilidades para contratar novo persoal.


|

A Xunta de Galicia di que quere suspender, alega que temporalmente, o galego para poder traballar no SERGAS, para así abrir o seu abanico de opcións para contratar persoal. A Mesa pola Normalización rexeita o plan e lémbralle ao Goberno que, na práctica, o galego xa non é un requisito imprescindible para traballar na sanidade pública do país.


Profesionais sanitarios traballan nun hospital



A falta de profesionais sanitarios para atender aos pacientes de coronavirus ten á sanidade galega contra as cordas. Profesionais das UCIs do CHUS e do CHUO xa denunciaron para este diario a situación límite na que se atopan polo curto número de efectivos e fronte ás cada vez máis altas cifras de pacientes. Contratos precarios, inestabilidade, condicións laborais que poñen en risco tanto aos profesionais como ás súas familias…son moitas as razóns que aducen os traballadores da sanidade galega.


Para tentar atallar este problema, desde a Xunta están a explorar distintas posibilidades para tentar esgotar todas as vías nas listas de contratación á hora de cubrir bacantes ou baixas. Unha das opcións que puxo o Goberno de Galicia encima da mesa é suprimir temporalmente –polo menos mentres dure a emerxencia sanitaria- o requisito do coñecemento da lingua galega.


“INCOMPRENSIÓN” E “COACCIÓN”

Esta medida, que tachan de “excepcional”, prescindiría así do certificado de coñecemento da lingua do país sempre que cumpran os demais requisitos, unha noticia que que non caeu nada ben en distintas organizacións de defensa do galego. 


Desde A Mesa pola Normalización Lingüística o seu presidente Marcos Maceira destaca a pesar de que o artigo 7 da última OPE “o SERGAS que contempla o coñecemento de galego como unha garantía para a atención”, na práctica isto queda “anulado".


O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, ofrece unha rolda de prensa sobre a enquisa do uso do galego publicada polo IGE

Maceira nunha pasada rolda de prensa


“Só puntúa, non é eliminatorio”, lembran desde a plataforma, á vez que indican que se non se posúe ese certificado os opositores teñen que facer un exame de galego que, en caso de non superarse, “simplemente non puntúa no global”. 


Saben que facer algo equivalente co castelán, non só non estaría permitido, senón que implicaría a non esixencia de título académico ningún, na medida en que a nacionalidade  é un requisito e que o propio certificado da ESO valida o coñecemento de español”, advirten.


Do mesmo xeito, desde A Mesa critican este novo desplante da Xunta para co galego. “Con este tipo de accións incídese na vulneración do dereito da cidadanía para recibir unha correcta atención en galego que pode derivar en incomprensión do enfermo ou en coacción para o uso do español. Calquera destes casos é unha vulneración do dereito a non sufrir discriminación por razón de lingua e do dereito á saúde, ambos dereitos humanos”, critican.


VULNERACIÓNS DURANTE A PANDEMIA

Esta é outra mostra para A Mesa de como o respecto aos dereitos lingüísticos dos pacientes brilla pola súa ausencia no SERGAS. O pasado ano Sanidade viuse obrigada a lembrar que os galegos tiñan o dereito de ser atendidos na súa lingua despois dun episodio no Álvaro Cunqueiro no que a nai dun menor denunciou as “malas maneiras” dunha pediatra que esixiu ao neno que lle falase en castelán porque non entende o galego. No obstante, a Xunta considerou que se trataba dun “feito puntual”. Con todo, o hospital vigués tamén foi denunciado por contar con consentimentos informados para embarazadas en polaco ou árabe pero non en galego.


Estas vulneracións levaron á plataforma a denunciar a situación ao Consello de Europa e á ONU. “O Consello de Europa enviou un requirimento en marzo deste ano sobre a necesidade de cumprir a Carta Europea das Linguas tamén durante a crise sanitaria”, subliñan.


Nesa liña, desde a organización expoñen que en plena crise sanitaria percibiron a “inexistencia” de atención en galego “no teléfono COVID-19”, “denuncias do persoal dos centros de chamadas ante os impedimentos para dirixirse en galego ás persoas usuarias”, información do SERGAS unicamente en castelán, así como a notificación das probas COVID. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE