A "débeda ambiental" de Alcoa San Cibrao: unha balsa de lodos tóxicos sen data de peche, advirte Adega
A situación de Alcoa en San Cibrao pode ter un impacto máis aló do económico segundo a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), que pon o foco sobre o seu impacto ambiental.
A plataforma censura o papel que xogou a empresa estadounidense na deterioración ambiental da zona despois de "numerosos episodios de importantes deficiencias no funcionamento da balsa".
A asociación ecoloxista Adega esixe que Alcoa "non pode marcharse" de San Cibrao sen saldar a súa "débeda ambiental" polo impacto na comarca da súa balsa de lodos tóxicos.
Nun comunicado, Adega advirte de que actualmente esta balsa aínda non conta cun proxecto de peche e clausura definitivo, nin tampouco cun plan de descontaminación.
No décimo aniversario do desastre ambiental provocado polo derrube da balsa de lodos vermellos de Ajka (Hungría), avisa de que os riscos existentes no caso de San Cibrao son "reais", coa "permisividade" das administracións ante esta situación.
Respecto diso, sostén que o volume de auga que recolle a balsa na Mariña "é seis veces superior ao previsto", o que provoca que a depuradora "non teña capacidade para tratar o volume sobrante". "Por este motivo, desde o ano 2017 a Xunta autorizou a Alcoa a verter máis auga ao mar e con maiores cantidades de flúor".
Ademais, lembra que, "cando menos en 2018 e 2019", rexistráronse "numerosos episodios de importantes deficiencias no funcionamento da balsa: altos contidos de flúor na auga embalsada; bombeos que funcionan por baixo do requirido; insuficiente tratamento de lixiviados; o aumento de filtracións ou o rexistro de perigos de aproximación de auga aos diques de contención".
Sobre este extremo, censura que a Xunta denegou a Adega o pasado mes de xullo o acceso ao proxecto de selaxe e clausura da balsa de lodos vermellos ao alegar que se atopa "en curso de elaboración". A súa tramitación comezou en 2006 cun anteproxecto, ao que seguiu un proxecto en 2014, cunha addenda en 2015 e unha actualización en 2019, "probablemente para atender aos sucesivos recrecimientos da balsa", apunta a asociación.
Escribe o teu comentario