Os alcaldes do Eixo Atlántico piden unha eurorrexión Galicia-Norte de Portugal forte na era post coronavirus
Unha eurorrexión competitiva, moderna e que aposta polas políticas da economía circular. Eses foron algúns das propostas xurdidas da primeira 'Conferencia de alcaldes Post Covid-19' organizada polo Eixo Atlántico.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, ou o alcalde de Pontevedra,Miguel Anxo Fernández Lores, foron algunhas das voces que participaron neste encuento que, segundo os organizadores e por medio do presidente do Eixo, Ricardo Río, é unha gran "oportunidade para reforzar a capacidade de intervención dos poderes locais" e "presentar propostas concretas"
Celebración da primeira 'Conferencia de alcaldes Post Covid-19'
A alcaldesa de Lugo e vicepresidenta do
Eixo Atlántico, Lara Méndez, reivindicou este xoves o papel das administracións locais e a participación dos concellos no plan de reestruturación.
"Que se nos escoite, que se nos deixe participar e que se nos dote de recursos", dixo Lara Méndez no transcurso da primeira 'Conferencia de alcaldes Post Covid-19' que organizou o Eixo Atlántico este xoves en Pontevedra e na que unha trintena de alcaldes da eurorrexión debateron cun conxunto de expertos de alto nivel as políticas para desenvolver no marco do proceso de reconstrución para a superación da crise provocada pola pandemia.
O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, referiuse a esta etapa como a maior crise que viviu Europa desde a Segunda Guerra Mundial e aventurou que "nada vai ser igual despois da pandemia", polo que animou a reforzar a resiliencia das cidades para previr os efectos de futuras crises.
O alcalde de Braga e presidente do Eixo Atlántico, Ricardo Río, incidiu en que o feito de reunirse en Pontevedra "practicamente todos" os alcaldes e presidentes de Cámara do norte de Portugal e de Galicia "é unha demostración moi clara da relevancia deste momento".
CAPACIDADE DE INTERVENCIÓN
Ricardo Río indicou que esta é "unha oportunidade para reforzar a capacidade de intervención dos poderes locais" e sobre todo, "de presentar propostas concretas" aos gobernos rexionais, nacionais "e á propia Unión Europea" para deseñar como interlocutores preferentes "as políticas de recuperación que esperamos que se concreten nos próximos meses".
Entre as propostas expostas na reunión deste xoves o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anfitrión deste cume, destacou que entre as "políticas para seguir" tras a pandemia e coas que afrontar esta "nova era" coas "máximas garantías" atópase a propia relación entre Galicia e o norte de Portugal.
Ademais, avogou por apostar pola competitividade da eurorrexión, polas novas tecnoloxías, por políticas de economía circular e por "poñer en valor o noso territorio".
"Somos unha porta de entrada de toda a mobilidade que vén do Atlántico e América e temos que potencialo", sinalou o rexedor pontevedrés que, entre outras cousas, reclamou a mellora do tren entre Vigo e Porto e unha liña de mercadorías de saída cara a Europa.
INNOVACIÓN E TALENTOS
Outras medidas propostas nesta 'Conferencia de alcaldes Post Covid-19' foron a reformulación das políticas urbanas, estimular a innovación e a captación de talentos.
Fernández Lores confía en que as conclusións deste cume sexan "operativas" e os municipios do Eixo Atlántico poidan estar "ben posicionados" dentro dos plans de reconstrución e poder pedir proxectos concretos "que fagan avanzar cara ao futuro".
Escribe o teu comentario