Tres incendios no Parque Natural do Xurés e van máis de 700 hectáreas queimadas en Ourense esta semana
Unha vaga de lumes leva arrasando montes do sur e leste de Galicia desde hai semanas. Primeiro os principais incendios foron o de Monterrei e Cualedro e agora é o de Lobios, un dos numerosos lumes activos que afecta o Parque Natural transfronteirizo. Afortunadamente, os lumes de Toén (220 hectáreas queimadas), Lobeira e Chandrexa (22) están apagados. Permanecen controlados outros dous en Muíños (Ourense).
O incendio forestal que se rexistra desde a mañá do pasado sábado no municipio ourensán de Lobios tras entrar por Portugal segue activo este martes tras queimar unhas 420 hectáreas no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.
Así o informou a Consellería do Medio Rural, que indicou que este lume localízase na parroquia de Manín, onde comezou ás 8,00 horas do sábado tras entrar desde Portugal. As últimas estimacións sitúan a superficie afectada en unhas 420 do citado parque natural.
No control deste incendio traballaron ata o momento un técnico, 19 axentes, 54 brigadas, 29 motobombas, dúas pas, nove avións e 11 helicópteros, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Neste incendio accidentouse a fin de semana un hidroavión do operativo de extinción portugués, no que faleceu o piloto, un cidadán luso, e o seu acompañante resultou ferido.
MUÍÑOS CONTROLADO
Pola súa banda, permanece controlado desde as 10,09 horas deste luns un novo incendio declarado na parroquia de Requiás no municipio de Muíños (Ourense), que tamén afecta o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.
Este lume comezou ás 1,07 horas do luns e as primeiras estimacións sitúan a superficie afectada nunha hectárea rasa. Ata o momento mobilizáronse para o seu control tres axentes, sete brigadas e cinco motobombas.
Tamén segue controlado outro incendio na mesma parroquia e municipio de Muíños que se iniciou o venres pasado e que afecta a unhas 50 hectáreas de superficie. Para a súa extinción enviáronse ata a data seis axentes, 24 brigadas, 16 motobombas, unha pa, nove avións e sete helicópteros.
MÁIS DE 200 HECTÁREAS QUEIMADAS EN TOÉN E 22 EN CHANDREXA
Por outra banda, dous incendios forestais rexistrados nos municipios ourensáns de Toén e Chandrexa de Queixa quedaron extinguidos nas últimas horas tras queimar unhas 220 e 22 hectáreas, respectivamente.
Monte queimado no incendio de Toén nunha foto do Twitter de @laurazzalez
EN LOBEIRA OUTRO LUME EXTINGUIDO
Quedou extinguido ás 1,32 horas deste martes o lume que se orixinou na tarde do luns na parroquia de San Xes de Vilariño no concello ourensán de Lobeira.
No seu control traballaron en total tres axentes, nove brigadas, tres motobombas, seis avións e tres helicópteros.
Escribe o teu comentario