O positivo por coronavirus dunha traballadora dunha residencia de Burela obriga a illar a cinco usuarios
O brote de coronavirus rexistrado na Mariña xa chegou ás residencias. Este é un dos peores escenarios posibles que pode deixar esta crise sanitaria na área lucense, xa que os centros xeriátricos, tan golpeados durante a pandemia, poderían atoparse ao bordo dunha nova crise.
De momento a situación, provocada polo positivo dunha empregada que entrou a facer un substitución en unha residencia de Burela -onde só puido traballar apenas unha hora e media ata que lle notificaron o seu positivo-, obrigou a illar a cinco maiores. Os usuarios do centro publico permanecen nas súas habitacións pendentes de ser sometidos a probas.
Cinco usuarios da residencia de maiores xestionada pola Xunta en Burela (Lugo) permanecen illados nas súas habitacións tras dar positivo por COVID-19 unha traballadora que entrara este mércores para facer unha substitución, informaron fontes do Goberno galego.
A residencia é a única xestionada pola Xunta na comarca da Mariña, que está, desde o luns e durante cinco días, pechada debido ao brote de coronavirus, no que deron positivo ata o momento máis de 150 persoas.
En concreto, a muller comezou a traballar ás 15,00 horas de onte e ás 16,30 chamárona para comunicarlle que dera positivo, polo que a propia empregada e os compañeiros que coincidiron con ela nesa hora e media fóronse aos seus domicilios, onde permanecen á espera das indicacións médicas.
Os usuarios que tiveron contacto con esta persoa quedaron en illamento nos seus cuartos. Son cinco e nos próximos días controlarase a súa evolución e faráselles unha proba PCR, indicaron as mesmas fontes.
A Xunta lembrou que hai uns días fíxose un cribado nas residencias de maiores e todas as probas deron negativo.
Os datos actualizados este xoves polo Goberno galego recollen que hai dous casos positivos en residencias en Galicia, ambos os traballadores: un é o caso que xa estaba activo en Santa Teresa Jornet (A Coruña) e o segundo, que se suma hoxe, é o da traballadora de Burela.
As residencias levaban sen notificar un novo positivo, nin de traballadores nin de usuarios, desde o 13 de xuño, hai case un mes, e os casos activos fóronse reducindo. Desde o 30 dese mesmo mes, as residencias galegas non teñen casos positivos de COVID-19 entre os seus usuarios.
Escribe o teu comentario