Un gran descenso de casos nas outras áreas compensa o gran rebrote do coronavirus en Lugo
O número de casos activos de coronavirus en Galicia caeu ata os 258 este domingo, que son 21 menos que os rexistrados o sábado. Esta baixada débese á redución de positivos en todas as áreas sanitarias salvo na de Lugo (que inclúe a comarca da Mariña, onde hai un brote), na que houbo un aumento de 30 casos con respecto á xornada de onte, ata un total de 117.
As cifras a nivel galego este domingo son agridoces. A preocupación pona Lugo, onde o rebrote parece definitivamente desbocado, con 30 casos máis hoxe que se suman aos 26 de onte. A Xunta acaba de ordenar pechar os accesos durante cinco días. Curiosamente, o resto de zonas experimenta un notable descenso xusto estes días. Así, o computo global en Galicia segue sendo negativo, hoxe son 7 casos activos menos que onte.
O esborralle esta fin de semana de casos activos en áreas como Vigo e A Coruña fai que a media móbil galega a sete días retorne a valores negativos.
Por exemplo, onte a pesar dos 26 casos novos en Lugo o indicador galego caeu máis dun 12%. Hoxe, a pesar dos 30 novos casos na Mariña, cae un 6%.
Os datos facilitados pola Consellería de Sanidade indican que o total de pacientes positivos reduciuse en 21 respecto a este sábado, ao pasar de 279 a 258.
Soben os casos que requiren hospitalización, que pasan de catro a seis, aínda que ningún na UCI. Os outros 252 están a ser atendidos nos seus domicilios. Os curados ascenden, ademais, a 10.776 persoas (54 máis que o sábado) e os falecidos mantéñense en 619.
Este descenso xeral débese á redución de positivos na maioría de áreas sanitarias. En Vigo os casos activos pasan de 101 a 77 --24 menos que o sábado--; na Coruña, de 50 a 40 --10 menos--; en Santiago, de 20 a 13 --sete menos--; en Ourense, de 10 a cinco --cinco menos--; en Ferrol, de sete a catro --tres menos--; e en Pontevedra, de catro a dous --dous menos--.
Con todo, a área sanitaria de Lugo rexistra a tendencia inversa e segue acumulando novos casos activos. Este domingo computáronse un total de 117, o que supón que a cifra creceu en 30 persoas en 24 horas. Deste xeito, supera ao área sanitaria de Vigo e sitúase como a zona con máis casos de Galicia.
Tamén se realizaron 2.292 novas PCR respecto ao sábado e o total ascende a 197.451 ata o momento.
De 619 falecidos contabilizados debido ao coronavirus en Galicia, 274 estaban vinculados a centros residenciais. A última vítima foi notificada o pasado 10 de xuño, hai case un mes: un home de 83 anos que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.
Escribe o teu comentario