O Dépor abónase a sufrir e empata ante o Raio nun partido tolo
Os penaltis marcaron a recta final dun partido no que os de Fernando Vázquez foron de menos a máis, ata o punto de remontar un 0-2 en 45 minutos. Mario Suárez, no desconto, deu un punto aos vallecanos desde os once metros.
Os penaltis marcaron a recta final dun partido no que os de Fernando Vázquez foron de menos a máis, ata o punto de remontar un 0-2 en 45 minutos. Mario Suárez, no desconto, deu un punto aos vallecanos desde os once metros.
O Deportivo da Coruña non gaña…pero tampouco perde. O cadro deportivista acumula tres empates desde o regreso do fútbol á nova normalidade e dúas case remontadas, especialmente dolorosa a desta fin de semana. Os branquiazuis remontaron un 0-2 ante o Raio Vallecano para morrer na beira e terminar empatando 3-3 despois de poñerse por diante no minuto 90. Santos, Mollejo e Aketxe remontaron para os locais o dobrete de Villar. Mario Suárez selou a igualada.
DE MENOS A MÁIS
O partido púxose pronto costa arriba para os herculinos. Primeiro minuto e primeiro gol cun remate de Villar a centro de Luna. O 0-2 tampouco tardou en chegar despois dun monólogo do Raio, que monopolizó a primeira parte. Mollejó errou na entrega e deixouna franca para que de novo Villar marcase para os franjirrojos.
A reacción chegou no segundo tempo cos cambios. O técnico dos galegos deu entrada a Santos e Çolak para axitar a árbore e pronto recolleu os froitos: Santos recortou no minuto 50 coa testa; Mollejo igualou no 52.
O partido rompeu por completo á hora de xogo cun Dépor crecido que empezou a crer na remontada despois de sufrir a un Raio Vallecano que puido irse a vestiarios cunha renda moito maior ao 0-2. A pesar das ocasións, especialmente clara unha de Aketxe que se foi rozando a madeira.
Nos minutos finais a tolemia entrou a barullo por culpa dunha actuación arbitral bastante polémica. Vicandi Garrido sinalou o punto fatídico por unha suposta man de Martín, a pesar de que o VAR instou o colexiado a repensar a súa decisión. Aínda que poucos viron a intencionalidade da man do xogador vallecano, finalmente Aketxe enfilou o punto de cal. Dimitrievski adiviñou as súas intencións e detivo o disparo.
Pero o baile de circunstancias continuou e Aketxe tivo que repetir a pena máxima porque o seteiro macedonio adiantou a súa marca e, esta vez si, o bilbaíno mandou a durmir o coiro á rede. Era o minuto 90 e o Dépor rabuñaba tres puntos de ouro despois de dous empates que souberon a pouco na Coruña. Con todo, na última rabexada do encontro, Vicandi Garrido volveu sinalar os once metros, nesta ocasión na área branquiazul e para alegría dos madrileños, que por medio de Mario Suárez, que consumou o empate co seu penalti, amarrou un punto que, visto o visto, é importante para os dous equipos.
Coas táboas o Dépor segue instalado na zona de perigo aínda que sae momentaneamente da zona vermella. Con todo, o peor do partido foi a fatídica lesión de Peru, un xogador fundamental no esquema dos galegos e que parece que estará bastante tempo lonxe do verde. O Raio, pola súa banda, segue mirando aos postos de playoff.
Escribe o teu comentario