Protestas ante a sede de Inditex en Arteixo por impoñer cambios de horarios e quendas aos seus empregados
Traballadores e traballadoras de tendas de Inditex mobilizáronse ante a sede da compañía, no polígono de Sabón, en Arteixo (A Coruña) "contra o cambio unilateral de horarios e quendas", sinala CIG-Servizos, convocante da protesta.
Na protesta, segundo informa, tamén participaron empregados e empregadas de auxiliares de Inditex afectados por un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE), como Vero Juncal Mantemento, onde está convocada unha xornada de folga para o vindeiro luns.
"Estes cambios, que foron denunciados pola CIG ante a Inspección de Traballo, afectan tamén as traballadoras con concreción horaria para o coidado de nenos, o que limita o seu dereito á conciliación da vida laboral e familiar", engade o sindicato. Ademais, indica que "as modificacións de horarios impuxéronse sen negociación nin comunicación previas, sen que Inditex especificase a súa duración".
A protesta contou tamén coa participación de representantes do BNG, entre eles o cabeza de lista da candidatura da formación nacionalista ao Parlamento galego, Xosé Luís Rivas, que alertou dun "ERTE encuberto masivo nas empresas auxiliares de Inditex". Xunto a Rivas, estiveron tamén a número tres da candidatura do BNG, Mercedes Queixas, e o portavoz municipal en Arteixo, Xurxo Couto.
Escribe o teu comentario