​“O PP galego ten á CRTVG secuestrada”, denuncia o Comité Intercentros da corporación

Os representantes do persoal critican o tratamento informativo que están a realizar tanto a radio como a televisión pública de Galicia “para facerlle a precampaña a Feijóo” por medio da cobertura da información sobre o coronavirus. 


|

Os representantes do persoal critican o tratamento informativo que están a realizar tanto a radio como a televisión pública de Galicia “para facerlle a precampaña a Feijóo” por medio da cobertura da información sobre o coronavirus.


Na mesma liña, desde o comité advirte da manipulación existente na información e cren que “irá a máis” a medida que se vaian achegando as eleccións autonómicas.


Feiju00f3ou tvg

Feijóo nunha entrevista para a TVG | Foto: xunta.gal


A denuncia do Comité Intercentros da Corporación Radio e Televisión de Galicia chega días despois de que o organismo retomase a súa actividade despois do parón provocado pola crise sanitaria. A súa primeira esixencia está dirixida ao Partido Popular para que “libere dunha vez por todas os medios públicos de comunicación do secuestro ao que os ten sometidos desde hai anos”.


O primeiro sinalado neste sentido é Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, e a “os responsables de que os Servizos Informativos antepuxesen unha vez máis os intereses do Partido Popular ao dereito da cidadanía para acceder a unha información veraz e plural”. O comité considera que a cobertura da pandemia realizada polos medios públicos foi un “irresponsable e chafalleiro exercicio de precampaña” en prol de beneficiar ao presidente Alberto Núñez Feijóo. 


“ESTRATEXIAS DE MANIPULACIÓN”

“Desde inícioo da crise as estratexias de manipulación informativa que se foron sucedendo nos telexornais e outros programas baseáronse fundamentalmente en criticar e desprestixiar a xestión da pandemia por parte do Goberno estatal, en mans da coalición PSOE-Unidas Podemos, para encomiar e enaltecer as actuacións da Xunta de Galicia, dominada polos populares”, incide a nota do comité.


Desde o organismo lamentan que a imaxe dada polos telexornais estivese baseada en “en contestar e reprobar as decisións de Madrid con  vídeos de produción propia nos que, despois dunha cita por exemplo do presidente do Goberno, aparecen réplicas ou declaracións críticas de cidadáns ou portavoces sectoriais”. “Nada reprochable se se fixese sempre, tamén os xoves despois do Consello de la Xunta ou despois de cada rolda de prensa de Feijóo”, reprochan.


Ademais, segundo o Comité Intercentros, titulares como “Galicia reforza o material sanitario” ou “O Ministerio valora a posibilidade de deixar saír aos nenos, como propuxo o domingo pasado Feijóo” ofrecían unha imaxe edulcorada da situación que se vivía en Galicia en comparación co resto do estado.  


“SILENCIO Á OPOSICIÓN”

Aos mesmos fins atendeu a xa trillada estratexia de silenciar aos partidos da oposición, que estiveron practicamente desaparecidos durante o confinamento máis severo”, denuncia o comité, que fai extensible este silencio nos medios a “colectivos, organizacións ou agrupacións de traballadoras que mantiveron durante este tempo unha posición crítica contra a xestión da Xunta”.


“Para o Comité Intercentros da CRTVG resulta especialmente grave que a dirección do ente público atrévase a aproveitar este problema sanitario para tentar favorecer, como sempre, ao Partido Popular, cando nunca foi tan necesaria unha información de servizo público, veraz, plural e contrastada, para informar os galegos e galegas nun momento de incerteza onde o que se precisan son medios fiables que informen, formen, acompañen e entreteñan, pero sempre desde o rigor”, reprocha o comité da corporación pública na súa nota, antes de denunciar novamente a “manipulación descarada e grotesca” destas semanas.


“Os representantes do persoal da radio e a televisión públicas do país róganlle á cidadanía en xeral e aos partidos políticos en particular que denuncien por todas as vías posibles estas prácticas de corrupción incompatibles coa democracia e instan a defender a necesidade de recuperar os medios públicos do secuestro do Partido Popular”, conclúen. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE