Máis de 40 representantes da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal planean a recuperación do turismo da man do Eixo Atlántico
A entidade pon de relevo a situación crítica que vive o turismo polos problemas derivados da crise do coronavirus. Ante esta situación extraordinaria, no Eixo Atlántico puxéronse ao choio para planificar os días que virán unha vez superada a pandemia co fin de reactivar o sector turístico.
A entidade pon de relevo a situación crítica que vive o turismo polos problemas derivados da crise do coronavirus. Ante esta situación extraordinaria, no Eixo Atlántico puxéronse ao choio para planificar os días que virán unha vez superada a pandemia co fin de reactivar o sector turístico.
Os participantes no encontro telemático do Eixo Atlántico
Para iso, o Eixo reuniu de forma telemática a 43 representantes dos municipios vinculados á asociación co fin de poñer en común os retos e oportunidades que o turismo pode encarar en canto o levantamento das restricións vaia posibilitando a reactivación do sector, que desgraciadamente será un dos últimos en saír da crise polas súas características.
PLAN MARSHALL PARA O TURISMO
No que coinciden todos os membros do encontro é que a realidade do turismo sufrirá un cambio radical, polo que este é o momento de reformular o sector e analizar todos aqueles puntos que poden ser importantes no futuro, onde tamén será capital o apoio das administracións.
“A Comisión Europea recoñece a necesidade de apoio ao sector, tal e como indicou no seu discurso do pasado 21 de abril o Comisario de Mercado Interior, Thierry Bretón. Neste sentido, está a considerarse este sector como un dos prioritarios para a acción dun posible 'Plan Marshall europeo' destinado a reactivar a economía da UE tras o tremendo impacto da Covid19”, afirman desde o Eixo Atlántico, que defende a creación de “unha política e unha liña financeira propia que sirva para poder reconstruír este sector e todos os que del dependen”.
TURISMO DE PROXIMIDADE, TURISMO SEGURO
O encontro dos representantes, baixo o á do Eixo Atlántico, serviu para reafirmar a necesidade de reforzar a imaxe do turismo de proximidade como un turismo “seguro” e “o máis accesible nun momento de dificultades económicas; coñecido, nun momento de medos; e sostible en termos de recursos”. Para iso, promoverase un catálogo da oferta turística nas cidades do Eixo. “Un produto novo e creativo que non só teña en conta ás cidades senón tamén a súa contorna inmediata e as súas posibilidades de conexión nunha oferta unificada”.
Ademais, a formación dentro do sector e a dixitalización da oferta son algúns dos elementos nos que os participantes se comprometeron a traballar a curto e medio prazo, como tamén reforzar a comunicación, esencial para “conseguir os obxectivos propostos”. Doutra banda, os participantes recalcaron a importancia de reforzar o papel do Eixo Atlántico como divulgador da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
“O turismo transfronteirizo e de calidade configúrase como a opción que no futuro inmediato, pero non só, pode abrir a porta da recuperación deste sector que terá que reinventarse no curto e medio prazo para asegurar a súa supervivencia e a dos que del dependen”, destacan desde o Eixo, á vez que lembran o valor de conceder ao turismo “a relevancia que merece, tamén a escala de políticas e axudas europeas”.
Escribe o teu comentario