Concelleiros do PP repartindo máscaras porta por porta en Touro e O Pino, denuncia o BNG
Os nacionalistas denuncian que sexan os edís populares os que leven as máscaras aos veciños das localidades e consideran que desde o Partido Popular están a utilizar a situación da pandemia “para facer campaña electoral”.
Os nacionalistas denuncian que sexan os edís populares os que leven as máscaras aos veciños das localidades e consideran que desde o Partido Popular están a utilizar a situación da pandemia “para facer campaña electoral”.
Repartición de máscaras no Pino / Foto: Concello do Pino
Nese sentido, tachan de “incrible” o episodio que está a suceder nos dous municipios. Desde o BNG fan especial fincapé en que esta repartición está a realizarse “sen que haxa ningunha garantía de que se cumpran as medidas de seguridade esixidas”, polo que a repartición pode supoñer “un vector de contaxio do virus” en dúas localidades que destacan por contar cunha poboación moi envellecida.
Do mesmo xeito, critican que as imaxes da repartición de máscaras por parte de concelleiros populares foron compartidas “na súa web e redes sociais”. “As accións que veñen desenvolvendo os gobernos do PP en Touro e O Pino responden en exclusiva a intereses espurios e lamentamos profundamente que se pode facer unha utilización partidista dunha crise sanitaria tan grave”, expoñen os portavoces do BNG nos dous municipios.
SEN RESPOSTA
O grupo nacionalista propuxo o 14 de abril “establecer un sistema de acceso para a poboación”, de modo que esta poida dispoñer do material de protección “de forma obxectiva, segura e controlada”. Nesa liña, propoñen que sexa o sistema de saúde, correos ou traballadores municipais os que se encarguen da distribución.
Doutra banda, o BNG de Touro reitera que desde o inicio da crise mantivo unha actitude “leal e de colaboración co Goberno municipal”. “Por parte do Goberno só houbo silencio por resposta”, lamentan os nacionalistas, que aseguran que as súas propostas caeron en saco roto ao non establecer a executiva municipal unha canle de comunicación co resto de grupos e non recibir resposta ás mensaxes enviadas directamente ao alcalde.
Escribe o teu comentario