​(VÍDEO) Traballador de residencia galega: “Se pega o coronavirus leva á maioría de residentes e a case todo o persoal”

Un empregado do Complexo Residencial de Atención a Persoas Dependentes de Vigo (400 usuarios) denuncia a situación crítica dos centros de maiores públicos e acusa o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de lucrarse á conta da sanidade galega. 


|

Un empregado do Complexo Residencial de Atención a Persoas Dependentes de Vigo (400 usuarios) denuncia a situación crítica dos centros de maiores públicos e acusa o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de lucrarse á conta da sanidade galega.  



O denunciante, que di ser traballador no Complexo Residencial de Atención a Persoas Dependentes de Vigo (dependente de Política Social), asegura que, tras o primeiro caso positivo por coronavirus no Centro de Atención a Discapacitados Psíquicos de Chapela, os traballadores viven “acolloados” e pendentes dun posible traslado. 


Desde a Xunta aseguran que iniciaron as os traballos de desinfección do centro a través do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios, que se prolongarán ao longo deste mércores. Tamén desde o Goberno galego reiteran que no caso deste centro "se seguiron os protocolos establecidos" e activáronse "todas as medidas de resposta necesarias”. Ademais, argumentan que os membros do centro contan con EPIs e que os recursos se han reforzado co envío de máis material sanitario.


“FEIJÓO FAI NEGOCIO COA SANIDADE GALEGA”

Con todo, o caso do centro de Chapela é só un dos moitos exemplos da falta de recursos na sanidade que está a evidenciar a crise provocada polo coronavirus. Nese sentido, o protagonista do vídeo acusa a Feijóo de ser o responsable da deterioración da sanidade pública en Galicia e, máis concretamente, na área de Vigo. 


Un home que desfixo a sanidade galega por completo. En Vigo está pechado o Hospital do Rebullón (cesou a súa actividade en 2016), con cento e pico camas, pechou o Cíes (Policlínico, pechado en 2015), que llo vendeu a non se quen, o Xeral pechouno e tiña camas a patadas, o ambulatorio de Coia, tamén non sei a quen llo vendeu…”, cita o denunciante, acusando á súa vez a Feijóo de “facer negocio” coa sanidade galega e dar “un machadazo terrible” na área sanitaria viguesa.


Do mesmo xeito, advirte que o Álvaro Cunqueiro é “unha mestura entre hotel e hospital con aparcadoiro de pago”, mentres que o Meixoeiro “un hospital que foi pioneiro” está a día de hoxe “traballando a medio gas” e con servizos privatizados.


“SE PEGA UN CORONAVIRUS…”

Con todo, o traballador do CRAPD olívico pon o foco especialmente sobre a actualidade que viven moitas residencias en Galicia, onde a incidencia do coronavirus está a ter un efecto devastador. “Os centros de maiores públicos de Galicia non teñen medios para combater o virus”, denuncia. No caso do CRAPD, con 400 usuarios, subliña que se “pega un coronavirus leva á maioría dos residentes e a case todo o persoal”.


“E se é mentira que me denuncie Feijóo: non temos medios os traballadores, as residencias non teñen capacidade para atender pacientes do Covid-19, non estamos preparados”, lamenta. O denunciante tamén aproveita para acusar os medios de comunicación de favorecer a Feijóo e vivir das axudas da Xunta. “Que vaian ás residencias e pregunten con que medios traballan”, propón.


“Ten un morro que lla pisa, non se como este home ten tanta cara e alguén ten que pararlle os pés, porque a incapacidade deste personaxe está a custar vidas. Que alguén o denuncie ante a Fiscalía”, sostén, antes de sentenciar que tanto o presidente da Xunta como a conselleira de Política Social, Fabiola García, e os responsables do SERGAS van ser “os culpables da morte de moitos galegos”.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE