Coronavirus: A patronal ataca a Guía de Traballo que chama a deixar o labor se hai risco e Moncloa responde que é parte do plan sanitario
A Guía para a Actuación no Ámbito Laboral (consúltaa completa ao final desta noticia) desata as iras das asociacións de empresarios. Moncloa sae en defensa da medida anuncianda pola galega ministra de Traballo Yolanda Díaz, argumentando que todas as administracións -estatais, autonómicas e locais- deben seguir e están a seguir a coordinación do Ministerio de Sanidade.
O Goberno asegurou este xoves que as indicacións sobre a evolución do coronavirus e as medidas para tomar en España están coordinadas polo Ministerio de Sanidade en "coordinación total entre as distintas administracións do Estado".
O presidente do Goberno con Simón, que actúa como portavoz gobernamental nesta crise
Por parte de Moncloa explicaron que todo o Executivo "segue as indicacións concretas" do departamento que dirixe Salvador Illa e que "se basean nun seguimento constante da situación, transparencia informativa e toma de decisións de acordo á evidencia científica". Ademais, lembraron que os organismos internacionais están a ofrecer desde a aparición do COVID-19 medidas de carácter xeral.
A reacción do Executivo chega despois de que o Ministerio de Traballo publicase este mércores unha guía para empresas e traballadores con recomendacións para actuar ante posibles casos de coronavirus na contorna laboral.
CRÍTICAS DOS EMPRESARIOS
Este documento foi criticado por CEOE e CEPYME, que consideran "un grave erro" dar difusión a unha guía de actuación no ámbito laboral en relación co Covid-19, xa que cren que xera "alerta e confusión" ao non corresponder coa valoración do risco realizada por Sanidade.
Nun comunicado, as patronais remarcaron que a elaboración desta guía "non contou coa participación das empresas e os sindicatos", a pesar de que afirman que xa llo solicitaron previamente, polo que consideran que isto contribúe "a unha maior incerteza".
Escribe o teu comentario