Morreu​ RiVeira; longa vida a RiBeira

Rodrigo Brión Insua

A Pobra do Caramiñal –patria querida– ten unha sonora inimizade coa veciña Ribeira. Os pobrenses e os ribeirenses son inimigos por natureza. Como os pobrenses e os boirenses. Ou os pobrenses e os rianxeiros. Ou os pobrenses e outros probrenses. Malditos pobrenses, están a arruinar A Pobra! Con todo, de todas as batallas entre pobos veciños, a da Pobra e Ribeira é a máis candente. Aínda que as probas desa encarnizada rivalidade son moitas e só hai que achegarse a algún derbi entre equipos dunha e outra localidade ou escoitar os “cariñosos cánticos” que se dedican uns a outros nas Festas dá Dorna ou nos San Juerguines, creo que ninguén sabería dicir o motivo decimonónico polo que ambas vilas sinten este odio, o que non impediu algún que outro cruzamento de sangues e romances imposibles, que deixarían polos chans a Capuletos e Montescos. Do mesmo xeito, ata onte, ninguén sabía dicir por que algúns escribían Ribeira con V. Agora a lei perseguirá a esa xentecilla e retiraralle a cidadanía se é preciso.


Particularmente esa sempre foi unha das cousas que máis me irritaron dos meus veciños. Iso e que teñan cinema e un restaurante chinés, dous elementos que sempre boto en falta nos límites municipais pobrenses. O costume fundamentado sobre absolutamente nada dalgúns aldeáns –particularmente da administración local– de escribir o nome do municipio con V fíxome cuspir sapos pola boca en non poucas ocasións. Cantas familias da localidade non se retiraron a palabra porque unha era beista e a outra uvista. Riveira é a Sanjenjo moderna. Ou a Rianjo. Ou Vivero, Órdenes, Puerto del Son, Orense e La Coruña todo nunha. Case podo detectar por como o pronuncian algúns para saber se esa persoa é da que escribe o topónimo con B ou con V. Ademais, é algo que se nota na mirada e case nos andares. Ata ese punto chega a miña enfermidade.


Riveira con V… con V de vurro, poderíase dicir. Todo a pesar das constantes denuncias de diversas entidades, entre as que figuran A Mesa pola Normalización Lingüística ou a Real Academia Galega, que despois de reiterarlle unha e mil veces aos promotores da V que o nome do municipio debía escribirse con B, foron os primeiros en celebrar este cambio de parecer histórico. O motivo é, segundo os estudosos, que o nome da localidade procede da palabra latina ‘riparia’, que vén significar algo así como terraplén ou cantil, e que nun documento de 1378 aparece a primeira mención ao lugar, referíndose ao mesmo como ‘Santa Ougea de Ribeira’. Nin sequera nos medios de comunicación eramos capaces de seguir un criterio único á hora de referirnos ao municipio. Porque as institucións ordenaban escribilo con B, pero o concello dicía que con V, aínda que nos carteis poñía que con B, mentres que o equipo de fútbol escribíase con V, aínda que a conta de Twitter do municipio era con B, pero o nome da conta era con V. Chegava un momento na bida que un xa non savia ven como escrivir.


Agora, cabe preguntarse quen foi o primeiro en iniciar esta cabalgada quixotesca nunha carreira que tiña como meta irremediable impactar de pleno contra os muíños. Canto diñeiro se puideron gastar as boas xentes da outrora Riveira en cambiar carteis, comprar letras xigantes para adornar as rotondas, contratar a investigadores para que coas súas pescudas holmesianas rastrexasen a orixe do nome e demais investimentos para tentar borrar da historia todo rastro da letra B na cidade? Todas esas grandes uves talladas en pedra perderanse para sempre, como bágoas na choiva...ou na sempre enlamada cancha do Palmeira. Sorte que alguén, aventúrome a pensar que manco pola súa habilidade para non pillarse os dedos, viu que da unión da V e a B podía saír un v/bonito corazón. Un movemento tan salomónico como particular que serviu ao municipio para navegar entre dúas augas, gañar algo de tempo e, á vez, facer seu este particular logo.


Sexa como sexa, con logo ou sen logo, foi o pleno municipal o que acabou por entender que o da V era unha batalla perdida, e acatará finalmente o que pedían as institucións e o bo gusto. A vitoria é para o Decreto 189/2003 e a Lei de Normalización. 37 anos despois, os veciños da Pobra poden dicir coa ordenanza municipal na man que o pobo ao que máis detestan é o de Ribeira. E, desta forma, o municipio do Barbanza reencóntrase coas súas irmás, a Ribeira Sacra e a Ribeira de Piquín, que nunca tiveron que vestirse de V. Morreu Riveira; longa vida a Ribeira. 


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress