Pasan a disposición xudicial os detidos que roubaban e agredían a compradores de coches de alta gama
Os detidos en Galicia no marco da 'Operación Treilán', pola que se desarticulou un grupo que se dedicaba a roubar mediante violencia a interesados en comprar vehículos de alta gama, pasaron finalmente a disposición xudicial na mañá deste venres.
Un detido pola Garda Civil
Segundo trasladaron a Europa Press fontes da investigación, seis deles fixérono nos xulgados de Ourense, mentres que outros dous e un máis pasaron en Monforte e Sarria, respectivamente. O resto quedaron en liberdade.
Os detidos permanecían ata o de agora en diferentes dependencias provinciais mentres se lles tomaba declaración, e finalmente pasaron ao dispor do xulgados sobre as 10,15 horas deste sábado.
Ao grupo atribúenselle unha serie de roubos con intimidación e violencia cometidos en varias localidades das provincias de Lugo, Ourense e León. Os implicados contactaban coas vítimas a través de falsas ofertas na internet para a venda de vehículos de alta gama, quedaban con eles en lugares apartados e, tras intimidalos con armas de fogo, agredían ás vítimas para roubarlles o diñeiro que levaban encima para a compra do coche.
No operativo participaron membros da Garda Civil de Ourense e da Policía Nacional de Monforte e desenvolveuse de forma simultánea desde primeira hora da mañá deste xoves en Monforte de Lemos, Sarria e a capital ourensá, onde, ademais de ser detidos os dez presuntos membros do grupo, procedeuse ao rexistro de oito inmobles.
INVESTIGACIÓN
As investigacións arrincaron no mes de setembro, cando os agora detidos (algúns dos cales teñen antecedentes por delitos contra o patrimonio) cometeron supostamente a súa primeira acción. Ocorreu no lugar de Treilán, no termo municipal de Sarria, onde asaltaron a punta de pistola a dúas persoas que se desprazaron ao momento para comprar un coche anunciado nun portal de compravenda de vehículos.Os seguintes asaltos, sempre en lugares apartados, realizáronse en novembro na localidade de Monforte de Lemos e, un mes despois, en San Miguel de Donas (León) e Coles (Ourense). Nestes mesmos puntos producíronse novas accións do grupo ao longo do pasado mes de xaneiro.
Despois de ser intimidadas con armas de fogo, os detidos agredían e inmobilizaban ás vítimas para subtraerlles o diñeiro que portaban.
Escribe o teu comentario