A Federación Galega de Fútbol traballa no regreso aos terreos de xogo da Irmandiña
Rafael Louzán, presidente da RFGF, confirmou ante os micrófonos da Radio Galega, que o organismo traballa para que a Selección de fútbol de Galicia volva competir despois de catro anos sen xogar.
Rafael Louzán, presidente da RFGF, confirmou ante os micrófonos da Radio Galega, que o organismo traballa para que a Selección de fútbol de Galicia volva competir despois de catro anos sen xogar.
Aspas no último partido da selección galega
Os siareiros galegos esperaban esta noticia desde hai moito tempo: a selección galega de fútbol está preto de volver vestir a elástica coa banda celeste. O presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, confirmou a noticia este pasado luns no programa da Radio Galega 'Ao Contraataque', cando afirmou que o organismo traballa no regreso do combinado aos terreos de xogo.
"Iso queremos e niso estamos a traballar", asegurou o presidente da RFGF cuestionado sobre o regreso da selección. "É un proxecto que hai que facer ben, sobre todo para que non teña repercusións negativas", respondeu Louzán, que recalcou con cautela que é un proceso que para 2020-2021 "está aí". "Se fose sinxelo todo o mundo sabe que xa estaría en marcha", recoñeceu o presidente.
Louzán tamén aludiu ao potencial futbolístico dos profesionais galegos e xa puxo o foco sobre posibles rivais, con Paraguai como a favorita. "Berizzo -seleccionador paraguaio- é unha persoa extraordinaria á hora de abrirnos esa posibilidade. Falta unha reunión máis para coordinar esta función que queremos poñer en marcha", manifestou o presidente.
"A IRMANDIÑA METE MEDO"
O regreso de a Irmandiña, por tanto, apunta a que será unha vez máis ante unha selección suramericana. Paraguai, que vén de perderse as últimas dúas citas mundialistas despois de clasificarse de forma ininterrompida á Copa do Mundo desde Francia 98 ata Sudáfrica 2010, ten entre as súas figuras ao cérbero 'Gatito' Fernández, aos defensas Balbuena, do West Ham, ou o ex milanista Gustavo Gómez -ademais do exxogador do Celta de Vigo Junior Alonso-, ao centrocampista e estrela do Newcastle Miguel Almirón, ou aos atacantes Derlis González e Óscar Romero -vello coñecido da liga polo seu paso no Arabés-.
Pola súa banda, Galicia podería aliñar un equipo de ilusión. Un posible once de 'as tropas de Breogán' podería incluír a Rubén Blanco no arco, liña de catro para Hugo Mallo, Rober Pier, Pablo Insua, Angeliño; centro do campo para Denis Suárez, Mosquera e Xota Peleteiro, e Iago Aspas, Borja Iglesias e Lucas Pérez en ataque. E quedarían no banco xogadores como Jonny, Diego López, Joselu, Iago Falqué, Santi Mina, David Costas, Santi Comesaña, Lucas Vázquez ou Jason. Sen dúbida, un equipo que nada ten que envexar o resto de seleccións mundiais. Os siareiros piden a berros o retorno de a Irmandiña.
Escribe o teu comentario