Poida que a data do 7 de xaneiro do 2020 pase á historia política europea como a que marcou o inicio en España dunha etapa na que ten lugar un gran e importante cambio político. Un ciclo no que, por caso, redúcense as enormes desigualdades sociais e territoriais que, neste momento, danse no Estado español. Un período no que se superan moitos dos grandes déficits democráticos e sociais que o caracterizan. Unha etapa na que os pobos que o compoñen pasan a ter un maior peso político nas decisións que lles afectan, que nos afectan a todos.
Por este motivo, e desde o punto de vista partidario e partidista, o BNG ten motivos para estar satisfeito. En primeiro lugar pola súa foto cos representantes do PSOE mostrando un documento de acordo que é moito mais do que, por caso, os representantes do PSdeG-PSOE e GALICIA EN COMÚN poden mostrar hoxe, ou estes último puideron no seu día cando eran EN MAREA. En segundo lugar porque o seu voto afirmativo ao goberno PSOE-UP pode ser tamén un motivo de orgullo porque, aínda que resulta indiscutible que non hai unha axenda galega no programa do novo goberno, non cabe desprezar o conseguido dada a precariedade da representación galeguista no Parlamento español: un só deputado.
Con todo, todo o anterior e desde unha perspectiva galeguista mais ampla, como a dunha opción que aspire a ser maioritaria en Galicia, si cabe lamentar, como repetidamente vimos sinalando nestas mesmas páxinas, a conxénita incapacidade das forzas galeguistas para procurar unha presenza no parlamento español equiparable á que teñen as forzas homólogas do País Vasco e Cataluña. Unha presenza que na conxuntura política actual si permitiría incorporar unha axenda galega ao escenario político español. Por estas razóns, e en relación a nova lexislatura, cabe facer desde Galicia dúas lecturas dispares: unha positiva como é a formación dun goberno plural e progresista en España, outra que non pode selo pola simple razón de que, por caso, nin o documento asinado entre o BNG e o PSOE é unha axenda galega nin hai no Parlamento español unha presenza galeguista relevante. Ausencias estas que confirman que Galicia neste momento nin está nin se lle espera na política española. Unha realidade que se estivo clara no debate de investidura de Pedro Sánchez farase máis evidente, por caso, no transcurso da lexislatura que agora bota a andar. Unha lexislatura que, con todo e como sinalaba ao principio, abre unha porta á esperanza para os demócratas dos pobos de España, quen son clara maioría.
Un apuntamento final relativo a prensa galega de maior tirada. A súa descarada aposta a favor do bloque das dereitas e a súa teima por descualificar, moitas veces dunha maneira realmente mentireira e tamén moi agresiva o bloque progresista, deixa en evidencia tanto a súa total falta de independencia e de rigor como a súa escasa vocación democrática.
Escribe o teu comentario