A Mesa leva a Europa o "menosprezo" de Feijóo ao informe do Comité de Expertos sobre a situación da lingua
Desde a plataforma 'Queremos Galego' hai convocadas concentracións para este xoves 19 de decembro ás 20 h en Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Ourense e Lugo
Desde a plataforma 'Queremos Galego' hai convocadas concentracións para este xoves 19 de decembro ás 20h en Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Ourense e Lugo.
Reunión da Mesa co Comité de Expertos
As palabras de Feijóo sobre o informe do Comité de Ministros do Consello de Europa non caeron en saco roto. Desde A Mesa pola Normalización Lingüística trasladaron aos organismos competentes as palabras do presidente da Xunta e os "altos representantes do seu goberno", quen para a plataforma en lugar de "informar e realizar os esforzos necesarios para atender as súas recomendacións" optaron por "desprezar, descualificar e manipular en público o contido do informe do Comité de expertos e da resolución do Comité de Ministros".
Así se expresou Marcos Maceira, presidente da Mesa, que tamén informou que as declaracións de Feijóo e de Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística, foron trasladadas a Secretaría da Carta de Linguas Rexionais ou Minoritarias do Consello de Europa. Para A Mesa as declaracións significan "un forte desprezo pola Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, polo Comité de Expertos e polo Comité de Ministros", ademais de "faltar á verdade", xa que a opinión da propia Xunta figura dentro do informe emitido polo Estado.
"Pensamos que desprestixiar os procedementos de monitoraxe da Carta para a promoción dos dereitos humanos, a democracia e a lei como o Consello de Europa, non son admisibles desde ningún punto de vista, e que atentan con moita claridade contra o artigo 6 da Carta", sinalan desde A Mesa, que pide á Xunta que rectifique despois de cuestionar ao Comité de Expertos.
PROTESTAS
Na mesma liña, para demandar á Xunta que cumpra coas demandas realizadas polo Consello de Europa, a plataforma Queremos Galego convocou diversas manifestacións este xoves 19 de decembro ás 20 horas nas principais cidades galegas. Estas manifestacións pretender ser a "resposta" á "situación de emerxencia lingüística que mostran con claridade datos como os do IGE"
As manifestacións celebraranse en Santiago na Praza do Toural; na Coruña no Obelisco; en Ferrol na Praza Amada García -ante da delegación da Xunta-; en Lugo e Ourense na Praza Maior; en Pontevedra na Praza da Peregrin e en Vigo na Praza da Princesa.
Escribe o teu comentario