Yolanda Díaz, como ministra, e Nadia Calviño, como vicepresidenta, son as galegas que soan para o novo Goberno


Fontes da confluencia morada en Galicia confirman a Galiciapress que a ferrolá é a que ten máis opcións de entre as súas filas. Calviño, pola súa banda, ocuparía unha das tres vicepresidencias que a rumoroloxía atribúe ao hipotético novo goberno.


|

Fontes da confluencia morada en Galicia confirman a Galiciapress que a ferrolá é a que ten máis opcións de entre as súas filas. Calviño, pola súa banda, ocuparía unha das tres vicepresidencias que a rumoroloxía atribúe ao hipotético novo goberno.


Polo bando de En Común Unidas Podemos soa, e moito, o nome de Yolanda Díaz. Ela foi unha das escollidas para formar parte da comitiva morada que asistiu ao xa histórico abrazo entre Sánchez e Iglesias.


Yolada Du00edaz, de vermello, na comitiva de Unidas Podemos que asistiu00f3 ao a firma do pacto de coaliciu00f3n co Goberno

Díaz, de vermello, onte no acto da firma do acordo


PUNTOS A FAVOR DE YOLANDA DÍAZ

Ao seu favor xoga a súa orixe política. Díaz é militante de Esquerda Unida e, por tanto, podería ocupar a cota que a esta coalición lle pode corresponder no Executivo.


Ademais, a súa relación coa cúpula de Podemos é estreita, como proba que ela fose unha das encargadas de negociar co PSOE este verán. Para darlle máis opcións de estar no Congreso, Podemos Galicia aceptou que liderase a lista de Pontevedra, a pesar de que Díaz provén e fixo carreira política desde Ferrol e os morados son os que, en teoría, achegan máis votos.


A avogada ten experiencia en gobernos plurais , xa que compartiu executivo co PSdeG de Ferrol dous anos. Tamén en tender pontes para superar as barreiras partidarias, pois Díaz foi co nacionalista Xosé Manuel Beiras (ANOVA) os que puxeron cara a a creación de Alternativa Galegas de Esquerdas (AGE), unha das primeiras experiencias exitosas de coalicións de esquerdas en España. Exitosa polo menos ao principio, pois a súa evolución a En Marea acabou como o rosario da aurora, durísimas críticas públicas de Beiras a Díaz incluídas.


Fontes da confluencia galega consultadas onte por Galiciapres recoñecen que Díaz é a persoa do seu grupo con máis papeletas, en teoría, para ocupar un ministerio. Agora ben, apuntan a que todo depende, loxicamente, de como sexa ao final a repartición de carteiras e aseguran que agora mesmo non se filtrou ningunha pista, ante a discreción coa que levan as negociacións que culminaron na soprendente convocatoria do luns.


SÁNCHEZ COMPROMETEU A CALVIÑO UNHA VICEPRESIDENCIA

Se o de Díaz é só unha probabilidade, o de Nadia Calviño dáse case por seguro. Non en balde o seu xefe Pedro Sánchez prometeu no debate televisado que a coruñesa ocuparía unha nova vicepresidencia económica.


O seu nomeamento serviría para tentar acougar a posible ansiedade de Bruxelas. O ascenso dunha ex-funcionaria europea mostraría á Comisión Europea que o PSOE, a pesar de pactar por vez primeira un Executivo cunha forza á súa esquerda, non está disposto a abandonar a senda da disciplina orzamentaria. De feito, o último punto do vago acordo presentado o luns fala, precisamente, desa contención de gasto, que Unidas Podemos criticou reiteradamente.


Calviño sería unha das tres vicepresidetnas de Sánchez. Segundo a SER, fontes socialistas estiman que o Presidente creará tres vicepresidencias. Carmen Calvo mantería o seu actual rango, dirixindo o á política; Calviño ascendería á vicepresidencia para coordinar a política económica e a terceira vicepresidencia, de contido social, debería ser, en principio, para Pablo Iglesias.


Dáse por seguro que a número 2 de Podemos, Irene Montero, ocuparía algún ministerio, dado que no verán foi a proposta como vicepresidenta. 


BAZA PARA DEMOSTRAR QUE EN GALICIA TAMÉN É POSIBLE UN ACORDO

Iso deixa a Unidas Podemos dous postos a cubrir no executivo, de manterse a oferta estival de tres carteiras para eles. Un deses dous ocos podería ser ocupado por Yolanda Díaz. 


Un nomeamento que, ademais, serviría para facer máis visible a presenza galega nun goberno progresista, o que axudaría a difundir a imaxe de que un executivo así tamén é posible en Galicia, onde hai eleccións en 2020. Comicios para os que o nome de Yolanda Díaz soou -xunto ao de Martiño Noriega- para encabezar unha hipotética confluencia de Podemos, EU, ANOVA e as mareas locais.





Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE