Levamos meses de campaña electoral, aínda que oficialmente sexa unha semana, e, por fin, este domingo, a cidadanía poderá depositar de novo o seu voto nas urnas. O voto é un dos actos de maior responsabilidade social dos cidadáns/as, xa que serve para elixir os políticos que van gobernar o país nos próximos anos. Este feito vai marcar o futuro da sociedade nun sentido ou outro e as consecuencias que iso significa na vida das persoas. Pero ése consciente do que isto significa, ou sinxelamente forma parte da rutina democrática? E outra pregunta que hai que facer é: Edúcase aos cidadáns para ser responsables á hora de emitir o voto? Non hai que esquecer a responsabilidade individual que supón votar. "Unha papeleta de voto é máis forte que unha bala de fusil", afirmaba Abraham Lincoln.
Cunha situación política preocupante, bloqueada ao non chegar os partidos a ningún acordo para a formación do novo goberno, o presidente en funcións Pedro Sánchez tivo que convocar eleccións coa esperanza de que os novos resultados cambien, ábrase a posibilidade de pacto -aínda que moitos son escépticos- cando se coñezan os resultados e téñase máis ou menos claro se o partido que consiga máis votos pode chegar a pactos cun ou máis partidos para a constitución do goberno. Se se fai caso ás enquisas, o panorama non pinta mellor que o que temos agora. Nin as dereitas nin as esquerdas suman o suficiente. De todas as maneiras, hai que esperar, non se pode especular, xa queda menos.
Como diría no seu día Castelao, o pai do nacionalismo galego, "o pobo é soberano o día das eleccións", despois os políticos son os que deciden o que queren facer, aínda que en ocasións non coincida coa vontade dos seus votantes. Iso é fariña doutro costal, que dirían algúns.
Por todo o que está en xogo, polo que custou chegar a poñer as urnas, é necesario que este domingo, máis que nunca, as persoas non fagan abandono da súa obrigación e dereito de acudir ao seu colexio electoral e voten por aquela formación que considere máis idónea. Se non confían en ninguén voten en branco, están no seu dereito, pero voten. Non queden en casa coma se o tema non fóra con vostedes. Hai países nos que é obrigatorio votar, paréceme ben, non é un feito insignificante, todo o contrario, é moito o que está en xogo, é responsabilidade de todos, non só dos políticos. Resulta moi cómodo non votar e despois queixarse. Tampouco hai que votar e despois deixar aos políticos que fagan o que queiran durante o tempo que dure a lexislatura. Hai que pedirlles contas daquelas cousas que levaban nas súas programas electorais e que á hora da verdade quedáronse só nos papeis.
Votar este domingo debe formar parte da responsabilidade individual e colectiva para elixir os representantes que se crean máis idóneos. Non queden en casa, xa sabemos que están cansos, todos o estamos. Non hai que deixar que outros decidan por nós.
Escribe o teu comentario