Dépor e Racing empatan para seguir último e penúltimo
O duelo por todo o baixo da táboa saldouse cun punto para cada equipo, que os mantén na zona vermella e afástaos un pouco máis da permanencia.
O duelo por todo o baixo da táboa saldouse cun punto para cada equipo, que os mantén na zona vermella e afástaos un pouco máis da permanencia.
Jovanovic fixo o definitivo 1-1 | Foto: RC Deportivo
No Sardinero víronse as dúas caras do Dépor: un equipo pobre e sen recursos; un equipo directo e aguerrido. Dúas imaxes en dous partes distintas que con todo só valeron para equilibrar a balanza dun Deportivo da Coruña que foi de menos a máis pero que nin con esas foi capaz de gañar, algo que se lle resiste desde agosto. Yoda e Jovanovic, goleadores de montañeses e herculinos.
O primeiro tempo dos branquiazuis foi para esquecer, un de tantos esta tempada. A tarde xa pintaba mal aos dez minutos de xogo, cando o francés adiantou aos locais cunha gran xogada individual que culminou cun disparo seco ao primeiro pau.
Só Koné foi capaz de sobrevoar a área cántabra, cun disparo que se marchou por encima da meta de Luca Zidane. Con todo, o primeiro asalto foi de cor verdibranca, moito máis metido no partido que os visitantes aínda que non gozou de ocasións claras.
Na segunda parte os galegos saíron como un ciclón. A arenga nos vestiarios do Sardinero tivo o seu efecto e os pupilos de Luís César cambiaron a súa cara no segundo corenta e cinco minutos. Máis incisivo e profundo, Koné estivo a piques de marcar no seu regreso a Santander, peor o seu chute estrelouse na madeira.
A sorte sorprendeu ao Deportivo superada a hora de xogo. Un balón profundo de Koné ao extremo dereito deixou a Jovanovic só ante Luca, que dubidou na saída e perdeu a referencia coa portería. O serbio, que ingresara no verde dous minutos antes, só tivo que axustar un pouco ao pau longo e puxo as táboas no marcador a falta de pouco máis de 20 minutos.
O Racing quixo reaccionar á igualada con centros laterais, pero foi Longo o que errou só ante Zidane e en área pequena nunha ocasión que puido adiantar ao Dépor. O partido acabou con polémica por un posible penalti non pitado a favor do Racing, pero que o VAR decidiu que non tiña que terminar co balón nos once metros. Ao final, un punto para cada un, de xeito evidente insuficiente para ambos que se manteñen á cola da clasificación. Tempos duros no norte.
Escribe o teu comentario