(Vídeos) Cargas, con tres policías feridos, ao fío do mitin de Abascal (Vox) en Vigo

O arrestado foi identificado como autor de lanzamento de obxectos contra os axentes

|

Hai polo menos un detido entre os acusados de atacar á UIP da Policía Nacional. Abascal, que logrou encher o Auditorio do Mar, di que son "a partida da porra e a carapucha de Pedro Sánchez"


Cargas policia vigo

Cidadáns foxen das cargas en Vigo



Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a un home como presunto autor dun delito de atentado contra a autoridade, tras ser identificado por lanzar pedras contra os axentes durante unha concentración na zona de Beiramar, durante a celebración dun mitin de Santiago Abascal na cidade olívica. No marco destes incidentes, resultaron feridos leves tres policías.



Segundo confirmaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar a última hora da tarde deste xoves, cando un grupo de varias decenas de persoas concentrouse nas inmediacións do Auditorio Mar de Vigo, escenario do mitin de Vox, coreando consignas como "Fóra fascistas da nosa terra", "Vigo será a tumba do fascismo" ou "Vós, fascistas, sodes os terroristas".


Cando a gran maioría de asistentes ao acto xa estaban dentro do auditorio, un grupo de persoas colocou contedores no medio da rúa, aínda que non diante do Auditorio, e prendéronlles lume, o que fixo necesaria a intervención de bombeiros. A continuación, segundo relataron fontes policiais, as persoas concentradas dirixíronse á Avenida de Beiramar, ocupando a calzada e cortando o tráfico en ambos os sentidos.




Nese momento, os axentes despregados na zona "avanzaron para dispersalos" e produciuse, por parte dos concentrados, lanzamento "de todo tipo de obxectos", entre eles, pedras e un valo. Eses obxectos provocaron feridas leves a tres policías.




Unha vez dispersada a concentración, e cando efectivos policiais realizaban unha inspección polas rúas contiguas para comprobar que non se producirían máis incidentes, os axentes localizaron na rúa Torrecedeira a un home, ao que identificaron sen ningunha dúbida como a persoa que empezara a lanzar obxectos contra o dispositivo policial.


Por estes feitos, este home, de 40 anos de idade e veciño de Vigo, foi detido e trasladado a Comisaría, onde se comprobou que ten antecedentes policiais. Está previsto que sexa posto a disposición xudicial na mañá deste venres.

VOX FALA DE RADICAIS "ANTIESPAÑOIS"
O propio Santiago Abascal, durante a súa intervención no mitin de Vigo, referiuse ás persoas concentradas fóra do Auditorio como "extremistas antiespañoles", aos que equiparou cos CDR de Cataluña e explicou aos asistentes ao acto que a Policía tivera que "cargar" contra eles porque pretendían "atentar contra a liberdade" de quen acudira ao mitin.

De feito, Vox difundiu un comunicado tras o acto, no que denunciaba que "200 radicais trataron de impedir" a celebración do mitin, e censuraba a "inacción" da Xunta Electoral e da Delegación do Goberno.

Abascal, durante a súa intervención referiuse a esas persoas como "a partida da porra e a carapucha de Pedro Sánchez", e anunciou que o seu partido iniciará "accións xudiciais" contra "quen permite que estes manifestantes estean na porta dos actos de Vox".


ÉXITO DE CONVOCATORIA DE ABASCAL

O partido nacionalista español, que nas pasadas eleccións non logrou ningún escano en Galicia, logrou encher por completo o Auditorio do Mar de Vigo, un dos maiores da urbe, con importantes colas para entrar antes do acto.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE