​R nega fuga de empregos desde Galicia pero hai "anuncios de traballo de Euskaltel buscando galegofalantes en Euskadi"

A plataforma 'Traballador@s de R' atende a Galiciapress para profundar na deslocalización dos servizos que trouxo consigo a venda da empresa de telefonía R á compañía Euskaltel. Case un milleiro e medio de traballadores en Galicia dependen de R, entre subcontratas e traballadores propios, polo que desde o colectivo demandan á Xunta máis implicación para salvar estes postos de emprego. Ademais, a deslocalización de servizos significa unha "importante perda de calidade para os clientes".


|

Como é posibel que unha empresa que recibiu enormes subvencións da Xunta ata fai nada traslade os seus empregos fóra de Galicia? Galiciapress aborda con a plataforma 'Traballador@s de R'  a deslocalización impulsada polos novos donos de Euskaltel, os británicos de Zegona. Case 1.500 empregos galegos dependen da teleco, entre subcontratas e traballadores propios.  Á Xunta esíxenlle máis implicación para salvar os postos e para evitar unha "importante perda de calidade para os clientes". Por certo, un dos principais clientes é o goberno galego.


Manifestación contra a deslocalización en R

Protesta onte na Coruña contra a deslocalización


Desde o colectivo 'Traballador@s de R' denuncian que por mor da compra de R por parte de Euskaltel as condicións dos traballadores e traballadoras "empeoraron drasticamente". "Máis presións para realizar o traballo e excedendo o horario laboral", denuncian os empregados. Coa ameaza da deslocalización dos servizos, parece que o único emprego garantido é o dos técnicos de campo, pero nin este sector é alleo aos cambios. "Desde a entrada de Euskaltel viron como as súas condicións laborais son máis precarias, con horarios de traballo de 12 horas incluíndo fins de semana, o cal vai empeorando día a día, e baixo esta directiva todo apunta que seguirán empeorando as condicións de traballo", prognostican.


ZEGONA ESTUDA MESMO FACER DESAPARECER A MARCA E VENDER O CABLE

Con "esta directiva", os traballadores refírense aos cambios impulsados na dirección de Euskaltel, dona de R. A que foi no seu día una das xoias do empresario vasco está, tras  a bancarización das caixas, en mans dun investidor foráneo. Loxicamente, o fondo británico Zegona ten menos remilgos á hora de recortar emprego local.


De feito, non hai tanto Euskaltel barallaba a idea de expandir a marca R para comercializar os produtos da empresa por toda España. Así, R empezou a comercializarse en León esta primavera. C


Cando Zegona asumiu o temón este ano, virou o rumbo totalmente. Centralizou servizos, eliminando empregos en Galicia. O seu plan a medio prazo pasa por vender a rede física, o cable de fibra óptica, principal activo da compañía, instalado por certo grazas a enormes subvencións públicas. É máis, Zegona baralla cargarse as marcas Euskaltel, a asturiana Telecable e R e usar unha nova, rumoréase que Virgin, para toda España.


"MENOS EMPREGO; PEOR SERVIZO"

A valoración da posible venda do cable de fibra óptica non  pode ser máis negativa por parte dos proletarios.  Táchana de "unha auténtica vergoña". "Unha rede subvencionada pola Xunta co diñeiro de todos os galegos que se venda ao mellor ofertante é indignante", critican os traballadores. Na mesma liña, os episodios que veñen sucedendo desde entón "demostran" que a Euskaltel "non lle importa nada Galicia nin teñen intención de apostar  pola nosa terra".


"A perda do control da rede supoñería un novo perigo para os traballadores e traballadoras ante un novo dono que podería destruír completamente o emprego en Galicia. Ademais dun desastre para o cliente, xa que ao non ter o control da rede, o seu mantemento, nin a planificación de melloras, non hai forma de garantir unha calidade no servizo", agregan.


Isto vai en contra da versión ofrecida hai uns días por R, onde afirmaban que o plan da compañía é pasarña a  "ter presenza en todo o país" sen ser claro á hora de afirmar se haberá ou non máis despedimentos. "R ten, segundo os seus datos, 1.300 traballadores en  subcontratas e 161 traballadores internos en Galicia, e o perigo afecta a todos en maior ou menor medida", sosteñen desde a plataforma, que ve nese plan unha clara intención de seguir deslocalizando os servizos nun proceso que afectaría a "case o 80% dos traballadores de R" segundo os datos que manexa o colectivo.


"A intervención da Xunta é clave neste conflito. A Xunta e o resto de administración públicas son os máximos clientes de R/Euskaltel, ademais de todo o investimento que fixo a Xunta con diñeiro público para o despregamento de rede en Galicia"  


A xUNTA: ELEMENTO CRAVE

A continuación, engaden que a comunicación ata o momento entre a empresa e as subcontratas é "mínima" e cos empregados é "nula". Mentres, coa Xunta admiten que "só houbo un contacto o 1 de agosto, no cal se lles explicou todo o que estaba a suceder e que a deslocalización se ía a producir". "A intervención da Xunta é clave en este  conflito. A Xunta e o resto de administración públicas son os máximos clientes de R/Euskaltel, ademais de todo o investimento que fixo a Xunta con diñeiro público para o despregamento de rede en Galicia", xustifican os empregados, que ven como "noutras comunidades como Asturias ou País Vasco si que interveñen os poderes políticos para que o traballo quede nas súas autonomías", mentres que neste caso o Goberno de Galicia "di que non pode".


Un Goberno de Galicia gobernado polo Partido Popular, que no pasado tombou no parlamento autonómico unha proposta para obrigar ás empresas para prestar os seus servizos en galego na comunidade. "Que existise unha lei que así sería unha axuda, pero xa vimos anuncios de traballo buscando galegofalantes para traballar en Euskadi para Euskaltel", denuncian os traballadores. Á súa vez, cren que sería de moita axuda unha "conciencia social do consumidor" e que se informase "das políticas laborais e ambientais das empresas antes de contratar os servizos e comprar produtos".


"A DESLOCALIZACIÓN É UNHA REALIDADE"

Xunto coa presión e a crecente carga de traballo, a venda de R trouxo consigo un novo modelo e un plan da compañía para deslocalizar algúns servizos fóra de Galicia, o que levou aos empregados a mobilizarse ao ver que os seus postos de emprego penden dun fío. "A  deslocalización provoca a eliminación dos postos de emprego en Galicia, polo que os traballadores son despedidos", afirman desde a plataforma, que tamén advirte en ocasións a empresa "recoloca" aos empregados noutros postos, aínda que "son unha minoría".


Con todo, a deslocalización non é unicamente negativa para os empregos. Os usuarios aos que R presta servizo tamén ven prexudicados. "O usuario vai notar unha clara perda de calidade xa que os traballadores con 15-20 anos de experiencia son substituídos por persoal recentemente contratado que non coñece a peculiaridade da nosa rede", advirte o colectivo. "Isto repercute nun aumento dos tempos de resposta", afirman.


Con todo, e a pesar das advertencias dos traballadores, este proceso é xa "unha realidade". "Este mes xa se deslocalizaron definitivamente a vixilancia da rede e o transporte do sinal (dentro da área de mantemento de rede)", comentan, o que supón a destrución dunha vintena de postos de traballo en Galicia. A pesar das presións, lamentan non poder salvar eses postos de traballo, aínda que reivindican que "non é tarde" para outros moitos postos de emprego. "Seguiremos loitando para frear a deslocalización doutros servizos que xa foron anunciados que se van a deslocalizar, como o grupo de Acceso (tamén da área de mantemento de rede) que se encargan do mantemento dos equipos e infraestrutura de rede (Internet, Televisión e Teléfono), da empresa Comfica", á que tamén comunicaron -como a Colabora e Indra- en xuño que o servizo ía finalizar e que pasaría para a compañía ZTE con persoal propio.


Os traballadores destas empresas subcontradas non deixaron de saír á rúa en todo este tempo. Sen ir máis lonxe, o onte celebrouse unha manifestación multitudinaria na Coruña. "Despois do éxito da manifestación esperamos a que a Xunta como a empresas móvanse e senten cos traballadores para buscar solucións", confían desde a plataforma, que de momento non programou máis protestas, pero que volverá ás rúas "as veces que fagan falta" se non hai achegamentos nos próximos días. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE