Néstor Rego: "Todo o que pense que Galicia debe ter unha voz propia debe concentar o voto no BNG"

Néstor Rego (1962) volve ser cabeza de lista do Bloque ao Congreso pola Coruña. O actual líder da UPG e ex-tenente de alcalde de Santiago volve atender a Galiciapress despois de que en abril quedase a un puñado de votos de dar o salto a Madrid e de devolverlle ao BNG representación no Congreso. Rego chama a votar a "a única forza política galega que se presenta ás eleccións" nun momento social e económico que desde a forza nacionalista cualifican de "emerxencia social".


|

Galiciapress entrevista a Néstor Rego (1962), que volve ser cabeza de lista do Bloque ao Congreso pola Coruña. O actual líder da UPG e ex-tenente de alcalde de Santiago quedou a un puñado de votos en abril de devolverlle ao BNG representación nas Cortes. Rego chama a votar a "a única forza política galega que se presenta ás eleccións" nun momento social e económico que desde a forza nacionalista cualifican de "emerxencia social". O Xacobeo, a recuperación de Meirás e o pacto con Compromiso por Galicia son outros dos temas desta conversación, segunda, tras a de Marta Fernández (PP), da serie de entrevistas polo 10N que está a publicar Galiciapress.


Nestor rego

Néstor Rego atendeu nunha entrevista a Galiciapress | Foto: Galiciapress


O BNG quedou o pasado abril moi cerca de lograr representación no Congreso, mellorando considerablemente os resultados obtidos en 2016 e reafirmando a súa melloría nas eleccións municipais. Confían en mellorar os resultados logrados fai apena seis meses?

Confiamos en melloralos e que ese aumento do apoio ao BNG signifique que o BNG teña representación no Congreso. Nós estamos convencidos de que iso vai ser así e, aínda que estamos en precampaña, xa estamos a percibir unha crecente corrente de simpatía e apoio de persoas que chegaron á mesma conclusión que nós: non podemos seguir confiando o noso destino e asuntos a forzas políticas de ámbito estatal, que ao final non defenden os nosos intereses e cando teñen que defender ou escoller o que lle interesa ao pobo galego votan o que deciden as súas direccións en Madrid e fan o que lles mandan desde a capital en lugar de facer o que corresponde e aquilo polo que foron elixidos.


Os orzamentos de 2016 foron un bo exemplo disto. Foron os peores orzamentos para Galicia en 17 anos e a pesar diso foron votados a favor, tanto polo Partido Socialista como por Unidas Podemos. A xente quere que isto cambio e a única forma é confiando no BNG.  


Estamos ante unhas novas eleccións porque non existiu entendemento entre PSOE e Unidas Podemos para formar goberno. De quen cre que é a culpa? Que cre que faltou para que España non teña un goberno progresista?

Non vou entrar en sinalar a culpables. Creo que todas as forzas políticas españolas deron un espectáculo lamentable e actuaron cunha gran falta de responsabilidade. Uns por non chegar a acordo; outros por bloquear a situación. Isto provoca que ao final teñamos que repetir as eleccións e nós somos conscientes de que isto está a xerar moita decepción, frustración e mesmo enfado, pero ás persoas decepcionadas dicímoslles que de ningún xeito a actitude que deben tomar é a de desinhibirse e absterse o 10N, porque iso non resolvería nada.

As forzas políticas españolas deron un espectáculo lamentable e actuaron cunha gran falta de responsabilidade


Ese enfado debe canalizarse cara a algo que contribúa a cambiar as cousas. Iso pode ser o voto ao Bloque Nacionalista Galego: un voto en clave de país, para defender os nosos intereses e que teñamos representación. Porque se unha cousa quedou clara nestes meses foi xustamente que Galicia estaba ausente. Non se falou de nós para nada. Pensemos noutras nacións como Euskadi ou Cataluña, que teñen unha representación propia, como tamén teñen rexións como Valencia, Canarias ou mesmamente Cantabria. Pero Galicia non. E hai moitas persoas que están a ver que isto é un mal negocio para o país que se traduce en que queden sen resolver os nosos problemas sociais e económicos, que teñamos presupostos claramente inxustos... Creo que a conclusión é que hai que cambiar esta situación.


Apoiaría o BNG a Pedro Sánchez para a presidencia do goberno? De ser así, que condicións lle poñería?

Sempre dixemos, e fixemos cando tivemos representación ao longo de 20 anos, que se depende de nós non vai haber gobernos hegemonizados por forzas da dereita española porque estamos nas antípodas desas posicións políticas e ideolóxicas. Pero tamén dixemos que ningún apoio noso será gratis, mais sempre estivemos en disposición de negociar e dialogar desde os intereses do noso país sobre a mesa xunto coas súas solucións.


A partir de aí podemos falar. Pensemos que nestes momentos estamos nunha situación de verdadeira crise social e económica, aínda que tamén política e democrática. De emerxencia, con moitas empresas sumidas na incerteza ou na expectativa de ter que pechar, con miles de postos de traballo en risco e sen que as administracións movan un dedo para resolvelo. Esa vai ser unha das nosas primeiras preocupacións. Tamén a de volver situar os orzamentos de investimento en Galicia por encima dos 2.000 millóns de euros, que o propio BNG logrou en 2009 e 2010 cando o goberno de Zapatero non tiña maioría absoluta e esa maioría que daba o BNG serviu para que tivésemos os orzamentos máis altos na historia do noso país. Cremos que hai que regresar a ese nivel de investimento fronte aos 745 millóns que nos presentaban PSOE e Podemos  en 2019. Levamos acumulado un déficit histórico en canto a investimento e atención ás necesidades de Galicia que nalgún momento hai que corrixir. Servizos, infraestruturas viarias, ferroviarias...todos estes elementos estarán presentes en calquera hipotética negociación.   


"ESPAZO CLARIFICADO"

As últimas sondaxes melloran os resultados do Partido Popular, empeoran os de Cidadáns e Vox e volven dar unha clara vantaxe ao bloque da esquerda, aínda que agora coa irrupción de ‘Máis País’. Desde Sondaxe mesmo dan un escano ao BNG. Cre que esta nova fragmentación da esquerda, con papeletas do partido de Errejón en dúas provincias galegas, pode ser prexudicial para as aspiracións do BNG?

Creo que non, talvez afecte a outros. O BNG é nestes momentos a única forza política galega que se presenta ás eleccións. Isto creo que clarifica o espazo e outras forzas, como o caso de Compromiso por Galicia, que manifestaron expresamente o seu apoio ao BNG...


E como valora ese apoio de Compromiso por Galicia?

Todo o que contribúa a que Galicia consiga o seu obxectivo de ter representación propia é positivo e hai que velo desde ese punto de vista. Apelamos a concentrar todo o voto en clave galega, todo voto que pensa que Galicia debe ter unha voz propia. Imos apelar a todas as persoas que xa votaron ao BNG en abril ao Congreso e moi especialmente a aquelas que tamén nos votaron ao Senado, que foron 40.000 votos máis e que nos terían dado representación pola Coruña, imos pedir a esas persoas que confíen no BNG tamén no Congreso nunha representación que sirva para que Galicia estea presente e garantir políticas sociais, democráticas, de esquerda...


Apelamos a todas as persoas decepcionadas coas forzas políticas neste espectáculo dado nos últimos meses. Temos a convicción de que é posible obter esta representación e así o indican algunhas enquisas, aínda que nunca confiamos excesivamente nas enquisas, pero si son un indicativo da tendencia, e esta é que o BNG sobe e que pode ter representación. Agora estamos a traballar para confirmala.


Fala dun espazo máis claro e iso está beneficiado pola decisión de En Marea de non presentarse despois dos pobres resultados cultivados en abril. Como ve este paso atrás da forza liderada por Luís Villares?

Cada forza política é responsable das súas decisións. En todo caso creo que o feito de que non se presente aclara o espazo político do voto galego e o que espero é que esas persoas que en abril apoiaron esa opción política agora fágano co BNG porque é a única alternativa que dá unha voz propia inequivocamente galega que non se someta a outros ditados. Espero que isto sexa así.

O feito de que non se presente En Marea aclara o espazo político do voto galego


A última vez que falamos, antes das eleccións de abril, dixo que neste tempo sen o BNG no Congreso, Galicia perdera moito. Agora en só seis meses de desgoberno, parece que Galicia seguiu perdendo. Para empezar os 700 millóns que a Xunta di que lle debe o Goberno de España. Desde o BNG insistiron en que era necesario ir pola vía xudicial. Faltou determinación neste tempo?

Si, claro que faltou. O normal era que a Xunta fixese esa reclamación por vía xudicial, pero nós ademais facemos outra lectura xa que isto pon á vista algo tremendamente inxusto, e é que o Goberno de España poida xogar e chantaxear cos nosos impostos. Unha vez máis poñemos sobre a mesa a necesidade de cambiar o modelo de financiamento para un sistema que supoña que Galicia recade todos os impostos para logo negociar co Estado que parte dálle. Este é un modelo de Concerto Económico que xa funciona no País Vasco e Navarra con moitísimo éxito para eles.


Desta maneira non se poderían dar situacións como esta, porque quen ten a chave do diñeiro é quen pode abrir e pechar a caixa e nós queremos ter a chave dos nosos propios recursos. Porque ademais sabemos que ante a falacia de que somos un país subsidiado e que vivimos da solidariedade doutros sabemos que vivimos do noso propio traballo e o noso propio esforzo. Non debemos ter problemas para avanzar cara a ese modelo que ademais permitiría dotarnos de máis recursos. Hai estudos, poucos porque parece que non interesan, que indican que cada ano entre o que pagamos en impostos e o que recibimos logo existe un déficit duns 1.000 millóns de euros, unha cantidade moi importante nun orzamento como o da Xunta que se sitúa sobre os 10.000 millóns. É a hora de debater seriamente un cambio de modelo.



Rego

Rego durante a súa entrevista con Galiciapress | Foto: Galiciapress


Tamén foi moi crítico no pasado co PSOE porque mentres estivo no goberno non derrogou a LOMCE, a Lei Mordaza nin a Contrarreforma laboral. O goberno que salga das urnas debe ter eses tres puntos como prioridades?

É evidente que si. O que non é explicable é que a estas alturas nin o PSOE nin Podemos atopasen un momento para cumprir ese compromiso que tiñan de derrogar as lexislacións regresivas e reaccionarias que puxo en marcha o goberno do Partido Popular.


Tamén a reforma das pensións, que é gravísima, pero especialmente a LOMCE e a Lei Mordaza, que claramente está pensada para coartar dereitos e liberdades públicas, particularmente controlar un dereito fundamental como é o dereito de manifestación, que por certo agora entendemos que se ve reforzada nesa liña de retirar dereitos por unha sentenza como a do Procés que penaliza con anos de cárcere convocar manifestacións pacíficas.  Nós teremos como prioridade defender os dereitos e liberdades e defender a democracia porque nos parece que a todos e todas nos vai a vida niso.


A nivel nacional, estes días a principal preocupación é a sentenza do Procés. Que valoración fai do desenvolvemento do xuízo e do fallo do Tribunal Supremo, así como do ambiente de tensión que se está vivindo estes días en Cataluña?

Dixemos desde o primeiro momento que as detencións eran inxustas, que o xuízo era un xuízo claramente político e cando coñecemos a sentenza, que ten un contido político evidente, reafirmámonos niso. Calquera que a lea dunha forma desapasionada dáse conta de que o que se penaliza son cousas como convocar manifestacións que resultaron pacíficas e masivas, como lle ocorre a dúas persoas condenadas a 9 anos de prisión. Isto quere dicir que calquera mobilización popular que non interese aos poderes establecidos poderá ser cualificada como levantamento tumultuario e perseguido como delito de sedición. É un retroceso democrático brutal.


Desde ese punto de vista rexeitamos esa sentenza porque entendemos que non se xustifica e que o que se persegue é o exercicio de dereitos e liberdades, como o de participación política, e dun dereito democrático fundamental de todos os pobos, recoñecido pola ONU na súa carta fundacional, como é o Dereito á Autodeterminación. Un  dereito que reivindicamos como un dereito básico e colectivo. Pensamos que é necesario manter esas mobilizacións pacíficas e democráticas das que sempre fixo gala o pobo catalán e que son outros os que están a contribuír á crispación que non beneficia en absoluto. Un conflito político non se pode resolver nunca pola vía policial ou xudicial; ten que resolverse pola vía política con vías de diálogo.



ECONOMÍA, OS FRANCO E XACOBEO

Tamén a nivel nacional hai moita expectación polo que ocorrerá ao redor da exhumación dos restos do ditador Francisco Franco. En Galicia isto cobra especial relevancia porque hai varios litixios abertos contra a familia Franco, como son a devolución do Pazo de Meirás, nunha causa na que vostede ten unha implicación moi recoñecida, a Casa Cornide ou as estatuas de Isaac e Abraham. Como valora a actuación do goberno central respecto diso? Cre que sacar a Franco do Valle de los Caídos pode beneficiar as causas abertas que ten Galicia cos Franco?

Nós apoiamos esa acción, aínda que pensamos que foi claramente tardía. Estamos a falar de máis de 40 anos despois da morte do ditador e seguimos con isto. Ademais cremos que o goberno do PSOE fixo moito fincapé pola transcendencia política e a lectura que podería ter esa acción no caso da exhumación, pero sabemos que non puxo o mesmo interese para recuperar todo aquel patrimonio roubado polo ditador e a súa familia o Galicia. De feito foi por medio de moita presión, de moitas mobilizacións, de moitas accións para que o Goberno de España iniciase o trámite xudicial para a recuperación do Pazo de Meirás. Nós congratulámonos de que fose así pero hai que actuar con máis determinación.


Porque efectivamente hai unha causa aberta contra os Franco por parte do Estado no caso de Meirás, aínda que non hai ningunha no caso de Cornide onde o BNG levou ao pleno do Concello da Coruña onde se aprobou por unanimidade para que se iniciase ese trámite, haina no caso das estatuas de Isaac e Abraham que están aínda en litixio e esperamos que todas elas conclúan de forma positivamente.


Os 19 de Meirás volven ao Pazo

Néstor Rego forma parte dos '19 de Meirás'


Con todo, hai tres causas abertas polos Franco contra militantes do BNG: unha no caso do Pazo de Meirás, aínda que non sabemos cando será ese xuízo contra 19 persoas que levamos a cabo unha acción de reivindicación pola devolución do Pazo; outra contra un compañeiro militante como é Carlos Babío que escribiu un libro onde se demostra, entre outras cousas, como se produciu esa apropiación; e outra contra nove persoas por unha acción na Casa Cornide que serán xulgadas o próximo 5 de novembro nos xulgados da Coruña. Confiamos en que todas estas accións acaben en nada porque nos parece o mundo ao revés, porque quen tería que estar a render contas é a familia Franco.


 Nos últimos meses a cidadanía mira con preocupación a economía galega: primeiro foi Alcoa, que aínda ten unha loita pendente en Cervo, os postos de emprego de Navantia tamén se cambalearon, agora son Barreras e As Pontes, mentres unha compañía como R vai deslocalizando os seus servizos paulatinamente, co Brexit o sector pesqueiro galego queda moi tocado… Estamos no peor momento da economía galega? Que se pode facer para salvar todos eses postos de emprego?

Estamos nun momento grave que cualificamos de emerxencia social. Son unha longa ristra de empresas en crises con milleiros de postos de emprego en risco de perderse e, o que é máis grave aínda, falamos de moitas das principais empresas do tecido industrial do país, que xa de por se é bastante débil. Se non hai saída de futuro estamos a ver que nos abocaría a non ter expectativas laborais cando xa nestes momentos temos a máis de 300.000 persoas fóra de Galicia que se marcharon no últimos dez anos por non atopar aquí oportunidades laborais. Unha crise migratoria e demográfica brutal que pode verse agravada.



A nós o que nos sorprende é que as administracións competentes non están a actuar coa celeridade necesaria nin demostran interese. É outro dos motivos polos que o BNG ten que estar presente no Congreso, para esixir solucións e que o seu voto vaia a que esas solucións sexan inmediatas. Pensemos que moitas destas industrias, as de alto consumo de enerxía eléctrica, están pendentes de que exista unha alternativa que abarate os custos da electricidade. Levamos tempo reclamando unha tarifa eléctrica galega, porque ademais é de xustiza xa que somos produtores excedentarios de enerxía e porque xa pagamos os custos en contaminación ambiental. Estamos a pagar na nosa factura os custos de transporte e peaxes aos consumidores de Madrid e agora imos pagar un suplemento territorial que é o máis caro de todo o territorio español.




Falamos de moitas das principais empresas do país crise con milleiros de postos de emprego en risco de perderse 


Feijóo sempre se negou a que esta tarifa galega alegando que ninguén a entendería cando resulta que o País Vasco ten unha tarifa eléctrica propia para a súa industria que ademais foi incorporada nunha Lei de Reforma do Sistema Enerxético que foi aprobada polo Partido Popular durante o goberno de Mariano Rajoy. Se a ten o País Vasco, por que Galicia non? Pois porque os que terían que defender isto actúan como fiel servidor do que ordenan desde Madrid.


E o PSOE anunciou en abril un estatuto das industrias electrointensivas e aínda non o coñecemos. Pasaron as eleccións e se despreocuparon, pero estamos a falar de empresas como Alcoa San Cibrao, ou a antiga Alcoa na Coruña, que penden dun fío. Ou un caso como o de Endesa As Pontes, que pon en evidencia que o cesamento da actividade é por motivos puramente económicos e non ambientais.  Nós somos partidarios da descarbonización e a transición enerxética, pero pensamos que esa transición debe ser xusta socialmente e con alternativas, cun plan de reactivación económica nas zonas afectadas. Pero non hai nada diso por parte do Goberno de España. E pon en evidencia como algo que depende da administración estatal é esencial para a nosa economía e que por tanto tería que ser capacidade decisiva da administración galega. Por iso dicimos que a soberanía debería ser fundamental para as 'cousas para comer', fundamental para o desenvolvemento social e económico que permita mellorar as condicións de vida da poboación galega. Se tivésemos competencia sobre o sector enerxético de maneira soberana esta situación podería estar resolta.


2020 vai ser un ano crave para Galicia, xa que é a véspera do Xacobeo, momento en que os ollos de medio mundo estarán postos na comunidade. Nese escenario, a estabilidade política ten que ser fundamental para conseguir que o Ano Santo sexa beneficioso tanto para os negocios como para o turismo. Como ten que enfocar Galicia e o Goberno de España estes preparativos? Canto se xoga Galicia en cuestión dun ano?

Se se xestionase adecuadamente podería ser un factor de incentivación do coñecemento do país e do turismo, pero entendemos que a prioridade neste momento é buscar un turismo sustentable, de calidade, que minimice os impactos negativos e maximice os resultados desde o punto de vista do que podo supoñer para o desenvolvemento de sectores calve da nosa economía nun país que, como dixen antes, ten pouca industria e que dependen do funcionamento do sector servizos. Todas as accións tanto da Xunta como do Goberno de España en todo aquilo no que poida colaborar teñen que ir nesa dirección, non tanto nun turismo masificado senón un turismo que reverta positivamente no desenvolvemento do país.


E sobre todo que vaia máis aló da Catedral de Santiago, que fale de nós como o que somos: un país, unha nación historicamente desenvolta, cun patrimonio cultural e arquitectónico riquísimo, que permita unha produción cultural tamén extraordinaria, cunha lingua propia, cunhas paisaxes e gastronomía excepcionais...Un turismo que permita ver o que é Galicia no seu conxunto e que por tanto tamén abra un pouco o foco. Santiago pode ser o pretexto pero o obxectivo ten que ser o conxunto do país. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE