O caso da xubilada que non pode pagar o seu rescate reabre o debate do pago dos bombeiros


A loita de Elvira Fernández Pérez apunta a final feliz. Esta xubilada arrincou ao Concello de Ourense non só a promesa de non cobrarlle o seu rescate por parte dos bombeiros senón tamén, ao fío do seu peculiar caso, cambiar a ordenanza pola cal se cobra as intervencións do servizo público. E de paso, logrou reabrir o debate sobre que tarifas cobran os concellos e que medios ofrecen realmente.


|

A loita  de Elvira Fernández Pérez apunta a final feliz. Esta xubilada arrincou ao Concello de Ourense non só a promesa de non cobrarlle o seu rescate por parte dos bombeiros senón tamén, ao fío do seu peculiar caso, cambiar  a ordenanza pola cal se cobra as intervencións do servizo público. E de paso, logrou reabrir o debate sobre que tarifas cobran os concellos e que medios ofrecen realmente.


"Desde Seguridade xa se está expondo condonarlle as taxas e iso levaranos a revisar a ordenanza fiscal correspondente", declara Miguel Caride. O concelleiro portavoz de Democracia Ourensá argumenta que "hai casos de emerxencia social que non se pode cobrar ao cidadán, polo mero feito de ser cidadán de Ourense". 


Fontes oficiais do Concello consultadas hoxe por Galiciapress confirmaron que a ordenanza non está pensada para casos peculiares como o de Elviara e que parece "absurdo" remitirlle unha factura, pois estamos ante un "caso que non se debería cobrar". Iso si, tamén indicaron que o cambio normativo levará tempo, pois deberá ir a Pleno.


Mentres a burocracia modifica as regras, a Elvira o Concello reclámalle algo máis de 130 euros pola intervención dos bombeiros. De 67 anos e con problemas de mobilidade, pasou catro días tirada na súa bañeira despois de darse un golpe na cabeza de maneira accidental no seu baño. Cando unha familiar alertou aos servizos de emerxencia de que levaba varios días sen contestar o teléfono, os bombeiros subiron por unha escaleira  e rescatárona. 


O Concello reclamoulle o custo do servizo, máis os intereses que se foron acumulando. E é que Elvira di non poder pagar. Cunha pensión de menos de 400 euros, o servizo supoñeríalle case a metade dos seus ingresos mensuais.


Tras sinalar que o caso está en camiño de solución e destacar a súa peculiaridade, un portavoz do Concello explica que se tentou cobrar de acordo a unha "ordenanza de hai varios anos", na que "todo está tarificado". A norma vixente é de 2012.


Hai tempo que concellos como Ourense e moitos outros decidiron cobrar polas actuacións dos seus bombeiros, especialmente por abrir domicilios. Tentábase así que a cidadanía non se aproveitase, por exemplo, do servizo público para abrir as súas casas cando se deixaban as chaves dentro e non querían pagar a un cerrajero.


Así, na capital das Burgas a apertura de portas custa case 130 euros, máis o tempo de cada bombeiro, que varía desde uns 13 euros ata case 35 euros a hora. Se no rescate intervén unha escaleira mecánica pode custarnos un pico, pois a tarifa é de 140 euros hora.


Deberían os concellos cobrarnos polas actuacións dos bombeiros cando xa as sufragamos cos nosos impostos? Desde o Concello de Ourense sinálase que é práctica común en case todos os municipios. O cal é certo, polo menos nas cidades galegas, ata extremos sorprendentes. No de Santiago, por exemplo, esta regulado ata unha tarifa de 3 euros por cada tramo de 70 centímetros de mangueira que se use. Claro que, na maioría dos casos, estes custos adóitanos asumir os seguros de fogar.


Nalgúns municipios establécense excepcións. En Ourense aqueles  que cobren a pensión non contributiva da Xunta, a RISGA, están exentos. Elvira cobrábaa ata hai uns anos pero agora ao ser pensionista da Seguridade Social, aínda que a súa pensión sexa mínima, tería que afrontar o gasto. 


Non foi ata que a veciña levou o seu problema á prensa local que o Concello se reformulou o caso. Ademais, segundo contou La Voz, polo menos dous empresarios ofrecéronse xa a pagar a polémica factura.


OS BOMBEIROS DE OURENSE ALERTAN DUNHA ALARMANTE FALTA DE MEDIOS

Outra cuestión é onde vai parar o diñeiro recadado por estes servizos. Cabe lembrar que os bombeiros municipais de Ourense levan meses denunciando unha enorme falta de medios. 


Bombeiros ourense protesta

Unha protesta dos bombeiros de Ourense deste febreiro nunha imaxe da súa Facebook


Fontes dos traballadores consultadas por Galiciapress esta semana alertaron de novo que a precariedade é tal que calquera día pódese producir unha grave traxedia. Por exemplo, indican que esta semana dúas  das tres motobombas estaban avariadas, polo que no caso de haber dous incendios un quedaría sen a necesaria cobertura. 


O "material escaso con mantemento nulo" e o "persoal insuficiente cunha media de 50 anos" son dúas das súas queixas en concreto. Reivindicacións que, ata o de agora, non atendeu o novo goberno de DO e PP, a pesar de chegar ao extremo de aparecer unha rata nas instalacións dos bombeiros:







Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE