O partido de Errejón di que unha enquisa propia dálle un deputado pola Coruña
Máis País lograría un escano pola Coruña nas próximas eleccións xerais, segundo unha enquisa do propio partido filtrada a axénciaa Efe.
Máis País lograría un escano pola Coruña nas próximas eleccións xerais, segundo unha enquisa do propio partido filtrada a Efe.
O estudo foi realizado entre o 23 e o 25 de setembro. Por esas datas foi cando o partido de Íñigo Errejón confirmou que competiría nos comicios do 10 de novembro.
Con todo, a fiabilidade da enquisa está lastrada polo limitado da mostra, 2.500 entrevistados en toda España.
SEN LISTA EN OURENSE E PONTEVEDRA
En Galicia, Máis País ten previsto, en principio, presentarse unicamente na Coruña e Pontevedra. Houbo contactos e rumores dunha posible alianza con En Marea, pero finalmente o pacto coa forza de Luís Villares non frutificou.
A nivel estatal, a enquisa prevé que Máis País saque ata 16 actas. Tres delas serían por Madrid e dúas por Barcelona. Nesta última provincia aínda non hai confirmación oficial de que o novo partido se presente.
Murcia, Sevilla, Cádiz, Málaga, Biscaia, Baleares, València, Alacante, Asturias e As Palmas completan a lista de provincias -cun representante en cada unha- onde os de Errejón sacarían deputado.
A enquisa dá ao PSOE vencedor, con tres escanos máis que nas pasadas xerais. Segundo sería o PP, cun escano máis. Podemos -o partido do que proveñen Errejón e moitos dos seus compañeiros- sería o que máis perdería, ata 8 escanos.
ARGUMENTOS A FAVOR DA DECISIÓN DE ERREJÓN
En global, as esquerdas subirían 8 escanos, o que faría máis fácil en teoría un goberno de Pedro Sánchez. Executivo que Errejón xa se mostrou disposto a apoiar, marcando diferenzas con Podemos.
Datos pois que, en global, ratificarían a aposta de lanzarse á area política estatal. Claro que, á fin e ao cabo, trátase dun estudo interno filtrado a un medio de comunicación en plena precampaña e cando Máis País está a negociar as súas alianzas rexionais e provinciais.
Escribe o teu comentario