Necesita Galicia unha universidade privada cando hai menos alumnos e falta diñeiro para a pública?

O anteproxecto de lei, en exposición pública, apunta que terá sede en Santiago e campus na Coruña e Vigo

|

O número de alumnos matriculados caeu a case a metade nas últimas dúas décadas. As queixas das tres universidades públicas pola falta de financiamento son constantes desde hai anos. A pesar diso, a Xunta apoia o lanzamento da universidade privada de ABANCA, que supón outro golpe ao sistema público, en primeiro lugar para a Universidade de Vigo.


A Xunta de Galicia sacou a exposición pública o anteproxecto de lei que permitirá a creación da primeira universidade privada da Comunidade, a Universidade Intercontinental da Empresa, que impulsa Abanca e que contará inicialmente con catro graos, catro másteres universitarios e dous programas de doutoramento.



Escotet feijoo premio

Escotet, o banqueiro venezolano dono de ABANCA, e o presidente da Xunta


O Goberno apoia a iniciativa entre as críticas soterradas das universidades públicas. Universidade de Santiago, Universidade da Coruña e Universidade de Vigo levan lustros queixándose do limitado dos seus orzamentos. Agora desembarca un competidor que, ademais da sa competencia, detraeralles recursos.


MOITÍSIMOS MENOS ALUMNOS

O máis obvio é o número de alumnos. En 2017 matriculáronse nas universidades galegas 56.878, segundo datos oficiais do IGE. Isto supón un 43% menos dos case 100.000 matriculados ao ano que se alcanzou a principios de século e un 20% menos dos que había hai unha década. 


Evoluciu00f3n nu00famero matriculados universidades de Galicia en datos oficiais do SUG


Evolución número matriculados universidades de Galicia en datos oficiais do SUG


A caída foi constante e só os esforzos das entidades públicas para captar estudantes foráneos -con certos éxitos como o da USC atraendo un milleiro de universitarios estranxeiros ao ano- logrou paliar este retroceso nos últimos exercicios.


O futuro inmediato non augura precisamente unha recuperación das matriculacións. As xeracións de mozos galegos son cada vez máis escasas debido ao envellecemento da poboación. A retardación económica e os atrasos nas cobranzas das bolsas ameaza tamén con empuxar a máis estudantes cara a unha prematura precariedade laboral ou a emigración.


Aínda que será ABANCA quen financie a nova universidade privada -tirando do músculo gañado durante décadas polas defuntas caixas de aforros-, é evidente que a futura Universidade Intercontinental da Empresa tamén detraerá recursos financeiros, non só humanos, das aulas públicas.


En primeiro lugar, porque ABANCA é patrocinador de numerosos cursos de posgrao e actividades universitarias de todo tipo. A lóxica indica que este apoio reducirase a medida que consolide o seu propio negocio de ensino superior. 


A UNIVERSIDADE DE VIGO QUEDA SEN O MBA DE REFERENCIA 

De feito, xa estalou un conflito. Durante décadas, o Máster de Dirección de Empresas (MBA) de referencia en todo o noroeste peninsular, non só en Galicia, era o que ofertaba a Escola de Negocios de Caixanova. Gran parte da cúpula empresarial galega formouse nas súas aulas, co apoio da Universidade de Vigo, que a través dun convenio achegaba recursos e, sobre todo, o rango universitario .


Tras tomar Escotet o temón das caixas,  o banqueiro seguiu financiado o MBA, rebautizando a Escola de Negocios como IESIDE. A colaboración  aguantou ata que se fixo evidente que ABANCA quería soltar amarras. Tras dez anos de traballo conxunto,  a Universidade de Vigo anunciou este verán a súa intención de denunciar o convenio enarborando a "ruptura da contorna de confianza mutua e intereses comúns ".


Unha ruptura que, por certo, sembeta dúbidas sobre o rango universitario da titulación que poidan obter os 700 alumnos de media e longa duración que di ter o instituto de ABANCA, ademais doutros 4.500 noutras actividades formativas. A Xunta, quen por Lei debe tutelar a ruptura, lavouse por agora as mans neste conflito.


Con todo, o apoio do Goberno á nova universidade privada é evidente. A exposición pública do texto que a creará prodúcese só uns días despues de que o reitor da USC lembráselle a Alberto Nuñez Feijóo que "é imprescindible incrementar a contía de recursos públicos destinados ao ensino universitario".


Durante a inaguración do curso este venres, Antonio López tamén lle lembrou ao presidente que as universidades non poden "renunciar a regular un marco xeral de financiamento" que permita recuperar "parte dos recursos perdidos neste período de crise" e que sitúa a estas institucións "lonxe dos estándares da contorna". 


O mandatario fixo oídos xordos a estas peticións e argumentou que pese a crise a Xunta "blindou" o financiamento universitario con "teito histórico con 433 millóns de euros en transferencias directas". Transferencias que forman parte dun modelo de repartición que a USC pretende renegociar porque "tratar igual aos desiguais lonxe de igualdade pode conducir á discriminación".  Está por ver se as evidentes diferenzas entre as universidades públicas ao fío do reparto dificultan ou non a creación dunha fronte común fronte ao desafío privado, agora que se abre a fase de alegacións.


 ASÍ SERÁ A UNIVERSIDADE DE ABANCA

O citado anteproxecto inicia o procedemento para dar luz verde a este proxecto impulsado por Abanca para crear un centro universitario privado especializado en formación no ámbito da empresa e de carácter internacional, resume Europapress. Para iso, apunta, a actividade académica centrarase en dúas áreas de coñecemento: as ciencias sociais e xurídicas e a enxeñería e arquitectura.


A futura universidade, que parte do actual Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa (o citado IESIDE), aínda adscrito á Universidade de Vigo, expedirá títulos "de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional", nas modalidades presencial e semipresencial.


A SEDE ESTARÁ EN SANTIAGO PERO HABERÁ CAMPUS NA CORUÑA E VIGO

Con sede en Santiago de Compostela, os seus campus académicos instalaranse na Coruña e Vigo, recolle o anteproxecto, que precisa que, inicialmente, impartirá cuatro graos, catro másteres universitarios e dous programas de doutoramento.

A maiores, o anteproxecto,que dá a Abanca un prazo de cinco anos para solicitar a autorización de inicio de actividade, determina que a Fundación Universidade Intercontinental da Empresa (FUIE) establecerá un sistema propio de bolsas e axudas ao estudo en consideración do expediente dos estudantes e das súas circunstancias persoais, para o que destinará o 15% dos ingresos totais obtidos anualmente.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE