O Lugo arrinca un empate de Elxe; o Dépor que non carbura

Os dous equipos galegos, que se atopan na zona baixa da táboa, seguen sen gañar e deixan moitas dúbidas aos seus afeccionados.


|

Outra xornada fatídica para o fútbol galego na división de prata, e van tres seguidas. O Deportivo da Coruña pecha a súa terceira semana seguida bicando a lona, mentres que o CD Lugo non gañou despois de catro xornadas de liga. Esta fin de semana foi o Albacete o que privou ao Dépor do triunfo, con axuda do VAR, e o Elxe o que evitou aos lucenses estrear a súa marcadora de vitorias, mentres que os branquivermellos engaden outro empate ao seu haber.


SEN NOTICIAS EN RIAZOR

Inquietude na Coruña despois da terceira derrota en só catro xornadas. O Dépor, que se atopa cuarto pola cola e coa dubidosa honra de ser o equipo máis goleado da categoría, só loce tres puntos na súa marcadora. Esta fin de semana a derrota foi máis dura se cabe, xa que foi en ante a súa xente, nun Riazor que esperaba ver a mellor versión dos de Anquela pero topouse cun actor ao que en Segunda aínda ven como un estraño: o VAR.


Depor alba

O Dépor non puido co Albacete | Foto: RC Dépor


O Dépor con todo non foi peor que o cadro manchego, que levou o primeiro triunfo da súa historia en terras coruñesas. A historia puido ser distinta se Aketxe, que volveu sacar o seu fusil, chega a ter máis puntería no canto de estrelar o libre directo no traveseiro, ou se superada a hora de xogo o árbitro non chega a invalidar un gol de Mollejo, anulado de forma algo controvertida por unha suposta falta sobre o gardameta albaceteño. Tamén puido cambiar polas imprecisións en defensa dos locais, que unha vez máis se mostraron pouco fiables na retagarda.


Sexa como for, a cuestión é que en minuto 70, xusto despois do gol anulado, unha falta lateral acaba cunha pequena carambola na área e, tras catro minutos de incerteza, o cadrelo apuntou aos once metros ao interpretar unha man na área herculina. Penalti moi discutido pero que Susaeta encargouse de asumir e transformar para poñer o 0-1 definitivo. O Dépor gozou de superioridade numérica tras a expulsión de Fran García, pero nin con esas puideron superar a un Alba mellor ordenado que os branquiazuis e ao que axudou a madeira.


NINO É INMORTAL

En Lugo as augas non baixan menos revoltas, aínda que o proxecto de Eloy Jiménez é un pouco máis modesto. Sen coñecer a vitoria, os lucenses atópanse só un posto por encima do Dépor, que pecha os postos de descenso, e non conseguen despexar as dúbidas que envolven a un equipo con claros problemas para definir o seu estilo.


Lugo elche

O CD Lugo segue sen gañar esta tempada |Foto: CD Lugo


Trinta minutos tardou Nino en demostrar que o fútbol non entende de idades. Historia viva do fútbol español e do Elxe, o de Beira cabeceou de forma imperial coa súa 1,69m un centro desde a esquerda para poñer o 1-0 á media hora.


O mellor do Lugo chegou no segundo tempo e sempre das botas de Borja Domínguez, primeiro cun disparo afastado que obrigou a Badía a esmerarse para repelelo, e logo co zapatazo desde o bordo da área que puxo as táboas no luminoso. Previamente, Varo e o pau encargáronse de atallar un penalti lanzado por Iván Sánchez. De feito, foi Varo a nota positiva deste Lugo, que aínda que segue sen gañar e falto de puntería resulta un cadro correúdo. O cérbero evitou con tres soberbias paradas que Yacine deixase os tres puntos no Martínez Valero.  

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE